Xuventude Crea 2020

08 Xul 2020

A Consellería de Política Social convoca o Programa Xuventude Crea para este 2020 nas seguintes especialidades:
Artes plásticas, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Fotografía, Graffiti, Moda, Música, Novela curta, Poesía, Teatro, Videocreación.
Por tanto, establécense dúas categorías novidosas con respecto a edicións pasadas, que son Creación de videoxogos e Novela curta.

 

Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020
Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti, creación de videoxogos, cociña e danza moderna, a participación será sempre a título individual.
Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de agosto de 2020.

Premios por cada unha das especialidades:
– Un primeiro premio de 3.000 €.
– Un segundo premio de 1.500 €.
– Un terceiro premio de 1.000 €.
Cada persoa participante non poderá recibir máis de un premio por especialidade.


Artes plásticas:
Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.
Presentarase en memoria USB ou CD unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra, na cal se indicarán o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura).
No caso de escultura, o peso máximo da obra non poderá superar os 50 kg.

Banda deseñada:
As obras serán orixinais e inéditas.
A temática será libre, con textos en galego.
A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.
O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberase xuntar nunha memoria USB, CD ou DVD cos arquivos orixinais..
Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

Cociña:
Os traballos poderán ser individuais ou en parella.
Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en parella.
A receita presentada por cada participante –individual ou en parella– pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.
O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Creación de videoxogos
Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso, cun máximo de 5 integrantes.
Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos.
Ningún/ningunha participante poderá formar parte de máis dun grupo.
Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o audio en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua.
A temática será libre.
Só se poderán presentar videoxogos para PC e MAC.

Danza moderna:
Especialidades: danza contemporánea, danza urbana, lírico e danza experimental.
Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso, cun mínimo de 2 e un máximo de 30 membros.
Ningún/ningunha participante poderá formar parte de máis dun grupo.
A duración da actuación non pode superar os cinco (5) minutos.
A coreografía debe ser inédita.

Deseño de xoias:
A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de accesorios comprados.
Os/as participantes presentarán unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

Fotografía:
Presentaranse en memoria USB ou CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na cal se indicarán o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

Graffiti:
As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.
O tema e a técnica serán libres.
Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

Moda:
As coleccións deben ser orixinais.
Os/as participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.
Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Música:
Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.
Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.

Novela curta
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
O tema será libre.
As obras, que se deberán presentar en memoria USB ou CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200, e as follas estarán numeradas.
O proxecto gañador do primeiro premio poderá ser obxecto de edición e publicación, e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asumirá os custos da primeira edición, de ser o caso.

Poesía:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
O tema e a técnica serán libres.
As obras, que se deberán presentar en memoria USB ou CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, e as follas estarán numeradas.

Teatro:
Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020. Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teña entre 14 e menos de 16 anos.

Videocreación:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
O tema será libre mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento BS310Q
Máis información no DOG do 8 de xullo de 2020 e en http://xuventude.xunta.es/xuventude-crea