Proxectos de acción humanitaria no exterior

04 Xun 2020

A Xunta de Galicia convoca subvencións ás organizacións non gobernamentais, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

Entenderase por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois de crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento, así como a redución e prevención do risco de desastres.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia e executarse baixo o enfoque de vulnerabilidade.

Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Prazo: 6 de xullo de 2020
As solicitudes deben tramitarse de forma telemática en https://sede.xunta.es no procedemento PR811A
Máis información no DOG do 4 de xuño de 2020 e en https://cooperacion.xunta.gal