Campaña Tik Tok en Lugo para concienciar en igualdade á mocidade

02 Xun 2020

A Concellería de Xuventude de Lugo, vén de lanzar unha campaña online para avanzar en igualdade e poñer o foco, nesta cuestión, nas novas xeracións.

A iniciativa ten o obxectivo de encher as redes de mensaxes que rompan os estereotipos e os roles de xénero. Fai fincapé nos espazos dixitais por estes estes espazos “onde máis se move hoxe en día a xente nova”, sinala a edil de Xuventude Ana González Abelleira.

A campaña de igualdade foi lanzada en TikTok, a “rede social máis de moda entre os adolescentes”, un dos seus grandes puntos de encontro.

Os obxectivos desta campaña son: contribuír a estender o coñecemento sobre igualdade entre a mocidade, poñer en valor a igualdade entre os grupos de idade máis novos e evidenciar a desigualdade real aínda existente na nosa sociedade e nas nosas contornas.

Nesta proposta, con contidos animados e frescos, empregaranse persoas con perfís activos en Tik Tok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin @XuventudeLugo.

Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres. Estas son as cinco: oficios, coidados, entretemento, estereotipos e celos. Dentro de cada área temática realizaranse dous vídeos abordando dúas realidades diferenciadas, pero serán protagonizadas por dous tiktokers diferentes.

Os mozos e mozas que se animen a participan terán liberdade creativa para seguir todos e cada un dos challenges.