Ampliación do prazo para a contratación de mocidade

26 Mai 2020

A Xunta amplía o prazo para que as empresas participantes no programa Profesionais 4.0 poidan contratar mozos e mozas de ata 35 anos
Para axustarse mellor ao novo contexto económico, as compañías adscritas á iniciativa disporán ata finais de agosto para formalizar os contratos, que impulsarán a especialización e a incorporación ao mercado laboral de 139 persoas con titulación universitaria ou de técnico superior de FP. Esta liña de apoios impulsa a industria conectada e intelixente mediante o desenvolvemento de proxectos de mellora competitiva en compañías e organizacións empresariais. Tamén se prorroga o período de presentación de solicitudes do programa Maquinaria 4.0 e os proxectos Industria 4.0.

As empresas e asociacións empresariais adscritas ao programa Profesionais 4.0 (http://www.igape.es/gl/ser-mais-competitivo/profesionais-4-0) disporán ata finais de agosto para realizar a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos, que participarán no desenvolvemento proxectos de mellora competitiva no eido da Industria 4.0. A ampliación do prazo para a formalización de contratos desta iniciativa da Xunta de Galicia ten como obxectivo favorecer ao tecido empresarial o acceso ás axudas no actual contexto económico, ao tempo que facilita a especialización e a incorporación ao mundo laboral de 139 mozos e mozas que recentemente obtiveron a titulación esixida.