A Deputación de Pontevedra iniciou Caramonia, unha novela xuvenil interactiva que asinan catro autoras e autores galegos e que arrincou o luns 11 de maio na Rede.
Coa presentación do primeiro das e dos seus catro personaxes principais, Roque, arrancou na rede Instagram a novela Caramomia, a nova iniciativa cultural que promove a institución provincial e que busca “implicar a mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de misterio”.
Tralo proxecto, asinando os capítulos, atópanse Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López).
A obra, que se pode ler tamén na propia páxina da Deputación de Pontevedra, vai dirixida á mocidade a partir dos dez anos e foi ideada por estas e estes catro creadores nestes días de confinamento (de feito, a ficción transcorre tamén na corentena). Está protagonizada por catro rapazas e rapaces, Roque, Brando, Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa peza do museo.
Despois dos catro primeiros capítulos (estes publicaranse os luns, mércores, venres e sábados), que servirán para a presentación dos protagonistas e da trama, establecerase ao final de cada entrega un sistema de votacións no que se darán opcións para que as e os lectores decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Costas salientou que “a historia antiga terá unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia”, e apuntou que o deseño gráfico da novela é de Daniel Landesa.
A historia publicarase ata o 20 de xuño en Instagram e na páxina web da Deputación e as ligazóns iranse compartindo tamén nos outros perfís da institución provincial nas redes sociais Instagram, Twitter e Facebook.