Proxecto Ríos, fomentar entre a mocidade o coñecemento e o coidado dos recursos fluviais de Galicia

05 Mai 2020

A Xunta de Galicia e Adega renovan a súa colaboración para fomentar entre a mocidade o coñecemento e o coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do ’Proxecto Ríos’

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, xunto coa presidenta da asociación, Virxinia Rodríguez, abordan as actuacións previstas para este ano 2020

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental que basea o seu labor en tres piares fundamentais:

1. A importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación.
2. A constancia do traballo co voluntariado ambiental que se fai responsábel dun treito de río.
3. O fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas.

O Proxecto Ríos é esencialmente unha iniciativa de participación cidadá e de intervención socioambiental.

O voluntariado ambiental do Proxecto Ríos é a peza fundamental desta iniciativa. Sen o seu labor, o proxecto non tería acadado a actual repercusión e, grazas á súa participación, ten aumentado e diversificado as propostas e accións desenvolvidas nos ecosistemas fluviais.

A participación no Proxecto Ríos, tanto a nivel particular como de diferentes entidades, concrétase na realización de dúas inspeccións anuais de río, unha na primavera e outra no outono.

As inspeccións consisten na análise das características biolóxicas, físico-químicas, hidromorfolóxicas e patrimoniais dos ecosistemas fluviais, empregando os materiais proporcionados de forma gratuíta polo Proxecto Ríos.

Cos datos obtidos elabórase anualmente o Informe do estado de saúde dos ríos galegos.

http://proxectorios.org/