Cambios no curso escolar e na ABAU 2020

26 Mar 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou na Conferencia Sectorial de Educación.

No encontro houbo consenso xeneralizado de manter o calendario escolar, co obxectivo de transmitir unha mensaxe de continuidade e normalidade respecto ao ámbito académico.

Nesta liña, acordouse avaliar o segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais e modificar os contidos e competencias básicas previstas para o terceiro trimestre. Estas modificacións abordaranse nunha xuntanza en abril. Ademais, decidiuse suspender este curso as probas de avaliación diagnóstica. 

A conselleira de Educación reiterou a conformidade de Galicia co aprazamento da ABAU e co modelo de exame proposto polo Ministerio, como medidas necesarias para garantir a equidade a todo o alumnado que se presente ás probas de acceso á universidade.

Así, na xuntanza consensuouse que as datas para a convocatoria ordinaria se sitúen entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, con marxe para publicar os resultados ata o 17 de xullo, e para a extraordinaria antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes.

As datas definitivas da proba publicaranse en https://ciug.gal/gal/home

Canto ao exame, acordouse manter un modelo similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, e aumentar a opcionalidade. O obxectivo é garantir que o alumnado poida acadar a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non ter recibido algún dos contidos previstos.
Neste sentido, a conselleira avanzou que convocará proximamente a CIUG para abordar este tema e indicou que os tres reitores do Sistema Universitario de Galicia xa lle manifestaron a súa total colaboración para garantirlle ao alumnado a equidade no acceso á universidade.

Formación Profesional
Canto á Formación Profesional, insistiuse na necesidade de garantir que todo o alumnado titule, para o que o Ministerio anunciou a publicación dunha norma que vai fundir nun único módulo os actuais de Formación en Centros de Traballo (FCT) e de Proxecto. No caso dos ciclos de grao medio e na FP Básica, onde non existe módulo de Proxecto, establecerase un traballo final.

https://ciug.gal/gal/home