VIII Certame de debuxo da Natureza

26 Mar 2020

O Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa) e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, convoca o VIII Certame de debuxo da Natureza “Vida silvestre do encoro de Cecebre”.

Este ano, baixo o título “Natureza Viaxeira“, o G.N.Hábitat quere poñer en valor a aquelas especies viaxeiras, ás que veñen dende moi lonxe a visitarnos todos os anos en primavera para críar ou a pasar o inverno, e as que están con nós todo o ano, pero que non teñen unha capacidade de dispersión moi grande e recurren a impresionantes estratexias para dispersarse e aumentar as súas poboacións, como por exemplo, plantas que empregan ós animais ou ó vento para a dispersión das sementes.

Coa posta en marcha desta iniciativa preténdese implicar á xente no contacto coa súa contorna, a través do debuxo da flora, fauna e xea presente no espazo natural protexido do encoro de Cecebre [integrado na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo] e as cuncas dos ríos Mero e Barcés, co gallo de consolidar na cidadanía unha corrente de interese polo coñecemento e preocupación pola conservación do Patrimonio Natural.

A inscrición é de balde e aberta á cidadanía, non sendo preciso ter aptitudes nin coñecementos en ilustración para poder participar, tan só as ganas de gozar da natureza a través do debuxo.

Haberá dúas categorías diferentes (menores e maiores de 14 anos) e premios en todas elas para as obras máis salientables. Así mesmo, de entre as obras achegadas seleccionaranse aquelas que pasarán a ilustrar o Calendario 2021 da nosa entidade.

O prazo de inscricións e entrega dos debuxos estará aberto ata o 30 de xuño de 2020.

https://gnhabitat.org/viii-certame-de-debuxo-da-natureza-vida-silvestre-do-encoro-de-cecebre-natureza-viaxeira/