Bolsas de capacitación en materia de internacionalización empresarial

03 Mar 2020

O Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, convoca 50 prazas para a capacitación de mozos/as profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Requisitos:
- Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1990.
- Posuír a nacionalidade española e nacido/a en Galicia, ser nacido/a en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio de Galicia con dous anos de antigüidade.
- Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación, pero de contidos similares ás citadas.
b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.
c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en Comercio Internacional.
- Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame no que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.
- Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego.

A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de 12 meses contados desde a data de comezo. O Igape poderá prorrogala por un máximo de ata 12 meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación .

A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

Contía da bolsa
- Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas.
- O importe máximo de subvención por bolseiro é de 48.000 € por un período de 12 meses.

Para presentar a solicitude, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico a través da aplicación establecida en http://www.tramita.igape.es
A solicitude está dispoñible en https://sede.xunta.gal co código IG414A

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de maio de 2020.
Máis información no DOG do 3 de marzo de 2020 e en www.igape.es