Resolución dos premios Talento Mozo

27 Feb 2020

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado concede os premios Talento Mozo Galicia ás seguintes candidaturas:

Na modalidade de Ciencia a Christian Vidal Vides, dado que o transcurso da súa traxectoria científica representa un alto grao de innovación e orixinalidade e gran calidade, con investigacións en entidades tanto nacionais como internacionais, formándose e achegando valor investigador no eido tanto da química orgánica sintética como na química organometálica, sendo un investigador mozo que destacou pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X.

Na modalidade de Rural a Paula Rodríguez Villamayor, por ser a candidata que representa unha importante traxectoria na profundización do coñecemento no eido da cunicultura, contribuíndo a mellorar as producións e a converter o medio rural nun espazo de oportunidades e de dinamización económica, incidindo positivamente na fixación de poboación neste ámbito.

Na modalidade de Deporte a Ana Peleteiro Brión, como candidata que mellor representa e reúne na súa traxectoria a excelencia no ámbito deportivo, un maior impacto positivo entre a sociedade e cun gran efecto multiplicador entre a xuventude. Tamén é a candidatura que ten unha indubidable consideración como exemplo de éxito e de carreira deportiva de traballo e superación. A súa traxectoria, as múltiples distincións recibidas e o seu palmarés tanto nacional como internacional así o acreditan (récords, campionatos e medallas ao máis alto nivel de competición).

Na modalidade de Empresa a Jorge López Rodríguez, dado que se trata do proxecto con maior grao de innovación e orixinalidade así como o que se considera con maior potencial de crecemento e por tanto de producir melloras no tecido produtivo galego e na creación de emprego.

Na modalidade de Cultura e Creación a Sara Donoso Calvo, en atención á súa traxectoria marcada pola constancia e pola excelencia e á súa consideración como exemplo de éxito, que combina unha dobre formación académica (graduada en Belas Artes e doutora en Historia da Arte), completando a súa formación en crítica e en xestión con dous mestrados e por desenvolver proxectos en múltiples áreas de traballo dentro do ámbito da cultura contemporánea, facendo comisariado, crítica, investigación, divulgación, xestión cultural, comunicación, educación, etc.; poñendo en valor a arte contemporánea, apostando especialmente polos novos valores galegos e facendo da xestión cultural un ámbito transversal de coñecemento e investigación e como recoñecemento do labor das persoas que desenvolven o seu traballo no eido do comisariado, da crítica e da xestión cultural, e a posta en valor de perfís profesionais que tamén son importantes no ecosistema da cultura contemporánea, trazando pontes e xerando escenarios para a creación.

Publicado no DOG do 27 de febreiro de 2020