O programa Activa de Xuventude desprázase ata Coristanco para formar a mozos e mozas en emprego e asociacionismo

18 Mai 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no obradoiro celebrado na localidade coruñesa e que estivo centrado nas axudas que as administracións ofertan para a mocidade

Esta iniciativa oferta 141 cursos por toda Galicia e están dirixidos a máis de 5.000 mozos
O plan consta de 4 modalidades enfocadas a temas de especial interese para a mocidade, como son as habilidades para a busca de emprego; a participación e o asociacionismo; os recursos existentes para mozos e mozas; e a formación centrada na oratoria

Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil impartirá os obradoiros que foron deseñados, escollidos e planificados en colaboración con técnicos municipais e responsables de Espazo Xove

Os destinatarios son menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores xuvenís, concelleiros de xuventude, asociacións, grupos informais e, en xeral, calquera colectivo interesado no eido da mocidade

O programa Activa da Consellería de Traballo e Benestar desprazouse hoxe ata Coristanco, onde un grupo de mozos e mozas participaron nun obradoiro centrado nas axudas e subvencións que as administracións teñen a súa disposición. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou na iniciativa e explicou que Activa permitirá a formación de máis de 5.000 mozos e mozas por toda Galicia en temas de especial interese para este colectivo. En concreto, ofértanse 141 cursos e obradoiros que terán lugar ata o mes de novembro.

Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil percorrerán, deste xeito, concellos e comarcas das catro provincias desenvolvendo estas xornadas que inclúen catro tipoloxías de formación que tentan abranguer cuestións transversais e de interese para a mocidade galega.

A primeira das catro modalidades, segundo explicou Rodeiro, leva por título ‘Mediación xuvenil para a participación’, que se centra na formación en competencias sobre xestión e funcionamento interno de entidades xuvenís e na difusión de elementos que potencien o asociacionismo e a participación da mocidade.

A divulgación de recursos para a mocidade galega será o tema clave da segunda tipoloxía de cursos que se levarán a cabo a través do programa ‘Activa’. Así, ‘Programas e axudas para mozos e mozas’ procurará amosar aos mozos e mozas qué oportunidades e medios teñen á súa disposición sobre temas como a vivenda, mobilidade, voluntariado, asociacionismo, emprego ou bolsas e axudas. Sobre esta temática versou hoxe o obradoiro impartido en Coristanco.

O terceiro curso que se impartirá, ‘Comunícate’, versará sobre a importancia de saber transmitir e comunicarse con eficacia. O obradoiro centrarase en descubrir as claves comunicativas fundamentais para enfrontarse con solvencia ás necesidades de cada día.

Por último, ‘Emprégate’ terá como finalidade mellorar a empregabilidade da mocidade, achegando as ferramentas axeitadas para atopar un emprego. “Pretendemos que os participantes acaden unha idea clara do mercado laboral, cáles son as oportunidades dispoñibles en momentos de crise, cómo elaborar un currículum ou enfrontarse a unha entrevista de traballo”, apuntou. Nesta iniciativa, ademais, descubrirán o programa ‘Emprende’ da Dirección Xeral de Xuventude.

Beneficiarios dos cursos
Os destinatarios destas xornadas serán os menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores e animadoras xuvenís, concelleiros e concelleiras, asociacións e grupos informais, aínda que están abertos a calquera colectivo interesado no eido da mocidade.

Para consultar as datas e lugares de realización destes obradoiros, os interesados poden consultar máis información na páxina web www.xuventude.net.

Por último, o director xeral animou á xuventude de Coristanco e da comarca de Bergantiños a unirse e asociarse para poder dispoñer de máis oportunidades de axudas a proxectos liderados por mozos e mozas. Neste sentido, Ovidio Rodeiro dixo que o asociacionismo xuvenil está revitalizándose, xa que tras anos de descenso no número de asociacións xuvenís, nos últimos tres anos (2009, 2010 e 2011) creáronse un total de 45 novas entidades en Galicia, o que supón un incremento do 60,7% con respecto ao mesmo período anterior (nos anos 2006, 2007 e 2008 só se constituíron 28 asociacións xuvenís).