Un total de 30 mozos e mozas europeos analizan esta semana en Santiago a situación do voluntariado en distintos países

18 Mai 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na recepción no concello de Santiago destes participantes

Os mozos e mozas proveñen de Rusia, Ucraína, Moldavia, Italia, Portugal e de España

Ao longo de 2011, máis de 2.300 persoas puideron beneficiarse dos programas de mobilidade postos en marcha pola Consellería de Traballo e Benestarhoxe

Un total de 30 mozos e mozas europeos están a avaliar en Santiago de Compostela, desde o pasado 13 de maio e ata o próximo día 20, a situación do voluntariado como experiencia de solidariedade nos distintos países dos que proceden. En concreto, os participantes proveñen de Rusia, Ucraína, Moldavia, Italia, Portugal e de España.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na recepción destes mozos e mozas no concello de Santiago. Trátase dunha iniciativa organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, enmarcada no programa europeo “Xuventude en acción”.

Neste sentido, cabe lembrar que ao longo de 2011 máis de 2.300 mozos e mozas galegos beneficiáronse dos programas de mobilidade postos en marcha por este departamento autonómico. Destes, un total de 1.300 participaron no programa “Xuventude en acción”, tanto nos 54 proxectos que se desenvolveron en Galicia como nos 13 intercambios no estranxeiro.

O obxectivo do Goberno galego é apoiar os programas de mobilidade, dado que constitúen unha importante experiencia de aprendizaxe non formal e que impulsan a participación da xuventude na sociedade. Ao mesmo tempo, permiten aos participantes completar a súa formación.

Por outra banda, con respecto á temática deste intercambio en concreto, é preciso recordar que o Goberno galego está a dar un importante impulso ao eido do voluntariado e da solidariedade. Neste sentido, a Xunta puxo en marcha en 2011 o Servizo de Voluntariado Xuvenil.

Trátase dunha iniciativa pioneira que se basea na creación en paralelo de dúas bolsas complementarias: unha de proxectos de voluntariado, e outra cos mozos e mozas que desexan incorporarse como voluntarios. Para consolidar este proxecto, este ano triplícase o orzamento destinado a este fin ata chegar aos 210.000 euros. Deste xeito, permitirase que máis de 1.000 mozos e mozas se incorporen a proxectos de voluntariado, e realicen 60.000 xornadas de acción voluntaria.