Lingua de namorar 2020, as mensaxes gañadoras

04 Mai 2020

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O xurado desta edición reunirase virtualmente o martes 21.04.2020 para decidir as mensaxes gañadoras do certame, que son as seguintes:

 

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA A (DE 14 A 19 ANOS):

 

Primeiro premio: Retórica, de Nee Barros Fernández (Marín, Pontevedra)

 

Sei que ditongamos ás veces e outras somos hiato irrexuntábel, e que aínda que imposíbel, a nosa rima é libre, asonante e consonante ao mesmo tempo; de arte maior e menor, sen importar se somos lira ou soneto, pareado ou sirventés. As antíteses véndannos os ollos, pero creme que confío a cegas no noso poema.

 

Ver Retórica, interpretada por Xermán Bugallo. 

 

Segundo premio: Primavera, de Ana Loureiro Sánchez (Caldas de Reis, Pontevedra)

 

Hai margaridas

crecendo no meu peito,

xogas con elas cando me ispo

e escápaselles que te quero.

 

Non somos espellismos;

só un oasis no deserto.

 

Esfollando margaridas

volvo a agosto e ao mar,

á calor e á roupa no chan,

a dous corpos nun abismo.

 

Traes co vento a primavera

e fas mudar as estacións.

 

Ver Primavera, interpretada por Xermán Bugallo.

 

3º Premio: Das aulas ao altar, de María Femenías Hermida (Foz, Lugo)

 

Compañeiro de clase, fixéchesme estudante eterna. Estudarte a ti leva, cando menos, unha vida.

 

Ver Das aulas ao altar, interpretada por Xermán Bugallo.

 

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA B (DE 20 A 30 ANOS):

 

Primeiro premio: Ataraxia, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas, Ourense)

 

Era unha tarde de brétemas

e sentíase un verán revoltoso

A aura do mar ouveaba,

cubrindo o morno silencio

que os posuíra.

As raiolas do sol alumeaban

as súas facianas

e os pés, bañados pola area,

xacían impredicíbeis

nun baile de incerteza.

Rozáronse. Co suspiro

agarimaron o vento.

Nos seus ollares,

a lingua secreta dos que saen

que se queren.

 

Ver Ataraxia, interpretada por Xermán Bugallo.

 

Segundo premio: Un vinilo dos Dire Straits, de Denís Vicente Rodríguez (A Guarda, Pontevedra)

 

Gústame cando bailamos

e fechamos os ollos

e as mans devalan unha sobre a outra

lentamente.

O arrecendo da música

quenta os corpos

que tornan

nus

para nós.

Só para nós.

Xa non hai apenas aires entre os

nosos corpos, que agora

vibran.

Coma un vinilo dos Dire Straits

nun reprodutor dos anos 90.

E as mans devalan unha sobre a outra

lentamente.

 

Ver Un vinilo dos Dire Straits, interpretada por Xermán Bugallo. 

 

Terceiro premio: Fuxitivas, de Silvia Pérez Rodríguez (A Guarda, Pontevedra)

 

Quedeime durmida

apoiada a ti,

sen darme conta, estaba xa

subida a un vagón.

Era distinto aos anteriores

tiña as portas abertas

de par en par.

 

Facía tempo que non me tremían as pernas

o bicar a alguén.

Eramos dúas fuxitivas,

das historias, de amor romántico.

Xa non sigo nese vagón,

ando na procura dun

que me faga sentir

igual de valente.

 

Ver Fuxitivas, interpretada por Xermán Bugallo. 

 

Todas as mensaxes gañadoras están musicadas e interpretadas por Xermán Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na especialidade de música. 

 

Os premios establecidos, por cada unha das categorías de idade, son os seguintes:

  • 1° Bicicleta pregable NILOX X2 Plus Motor 250w Roda 16” Autonomía 25 Km
  • 2° Tablet LENOVO ZA470057SE. 10,1” - 2/32 XB – Cámaras frontal e traseira
  • 3° Cámara deportiva SUNSTECH Adrenaline. Vídeo 4K/30FPS. 16 Mp wi-fi 

 

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.


bases vota-mensaxes


categoriaA categoriaB