Axudas á contratación: Xuventude, mulleres, discapacidade e desemprego longa duración

09 Xan 2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca os seguintes programas de axudas á contratación:

Emprega Muller: axudas para a contratación por conta allea e a formación das mulleres desempregadas.

- Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención á contratación indefinida inicial, á contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses, á transformación de contratos temporais en indefinidos que deberán ser a tempo completo e, no caso de contratos indefinidos a tempo parcial, será subvencionable o incremento de xornada que deberá acadar a xornada a tempo completo ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación.
- Bono de formación (opcional) dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo, agás nos casos de incremento da xornada e transformación de contratos temporais a indefinidos.

Emprega Discapacidade e Exclusión: axudas que favorezan a contratación das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial, a temporal cunha duración mínima inicial de 3 meses e a transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo ou a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Bono de formación, dirixido ás persoas traballadoras cunha contratación indefinida inicial ou temporal mínima de 6 meses, beneficiarias do bono de contratación, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

c) Bono de emprego con apoio, que consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

Persoas desempregadas paradas de longa duración:

- Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas de longa duración.
- Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Emprega Xuventude 2020: axudas á inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permaneceren no mercado de traballo, favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.

- Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal, cunha duración mínima inicial de doce meses, das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.
- Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo

As solicitudes están dispoñibles en https://sede.xunta.gal co código TR342A, TR350A, TR349R e TR349T
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas estará aberto ata o 30 de setembro de 2020.
Máis información no DOG do 7 de xaneiro de 2020 e en http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-conselleria