XXV premio nacional de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro

23 Dec 2019

O Concello de Lalín (Pontevedra) -en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, convoca o XXVº PREMIO NACIONAL DE XORNALISMO GASTRONÓMICO ÁLVARO CUNQUEIRO.

PRIMEIRA. Poderán tomar parte no devandito concurso os escritores, xornalistas e particulares que publicasen artigos, libros, entrevistas, reportaxes, viñetas, fotografías, comentarios, etc. -en galego ou en castelán- nos distintos medios de comunicación, sobre temas relacionados coa gastronomía galega, en particular, e a gastronomía, en xeral, nos últimos 2 anos. Tales traballos deben inscribirse de maneira obrigatoria en calquera dos xéneros xornalísticos, non poderán ter sido premiados anteriormente e non poderá ser premiado 3 anos consecutivos un mesmo autor. Ademais, poderán tomar parte os estudantes de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual que presenten os seus traballos académicos relacionados coa gastronomía.

SEGUNDA. Os traballos deberán ser presentados ben polo seu autor ou ben por terceiras persoas ou Entidades. As propostas que así o permitan deberán remitirse en formato dixital ao correo electrónico premiocunqueiro@lalin.gal ou en soporte CD ou DVD ao enderezo postal do Concello de Lalín (Praza de Galicia, nº1, 36500-Lalín).
Para o envío por mail deberá indicarse no asunto do correo PARA O PREMIO DE XORNALISMO GASTRONÓMICO ÁLVARO CUNQUEIRO, así como a categoría á que concorre (xeral ou académica). En calquera caso, o envío deberá incluír, de maneira adxunta, o traballo a concurso, así como un escrito dirixido ao Alcalde- Presidente do Concello de Lalín co nome, datos persoais, teléfono de contacto, declaración responsable do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 13.1 e 13.2 da Lei Xeral de Subvencións, (conforme anexo publicado na páxina web www.lalin.gal) e currículo do autor (no seu caso, tamén da persoa que presenta o traballo).
No caso de libros ou outro soporte que así o requira tamén poderán presentarse de forma física a través do rexistro do Concello de Lalín (Praza de Galicia, nº1, 36500-Lalín), por correo ou de forma presencial. Neste caso deberán presentarse seis exemplares do traballo a concurso, así como un escrito dirixido ao Alcalde-Presidente do Concello de Lalín co nome, datos persoais, teléfono de contacto e currículo do autor (no seu caso, tamén da persoa que presenta o traballo).

TERCEIRA. O xurado nomeado para o efecto, que estará formado por xornalistas de medios de comunicación de Galicia e representantes das institucións colaboradoras, seleccionará os traballos que considere merecedores dos premios tendo en conta, en primeiro lugar, a súa calidade xornalística, pero tamén a súa difusión. Ademais, considerarase un mérito engadido a súa referencia ao Cocido de Lalín.
CUARTA. O prazo para a presentación dos traballos comenzará ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria dos premios no BOP e rematará o día 16 de xaneiro de 2020. En todo caso, se o envío se realizase por correo ordinario, terase en conta a data que figure no cuño postal.

QUINTA. Os premios, por importe total de 5.000 €
Os premios subdivídense nas seguintes categorías coa súa correspondente dotación económica.
a) Premio, dotado con 3.000 €, ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías, ao que poderán concorrer os escritos publicados en medios de comunicación impresos; os libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía; os traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións; as páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou os traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos.
b) Premio, dotado de 1.000 €, ao traballo xornalístico, que o xurado decida, presentado entre todas as categorías, ao que poderán concorrer os escritos publicados en medios de comunicación impresos; os libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía; os traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións; as páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou os traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos.
c) Premio, dotado de 1.000 €, ao mellor traballo académico -prensa, radio, televisión e web dedicado á gastronomía presentado por alumnos de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía estatal co fin de potenciar aos novos valores da profesión xornalística.
Antes de proceder ao pagamento, a persoa premiada deberá presentar, no Rexistro do Concello de Lalín, unha declaración de atoparse ao corrente nas súas obrigas coa Seguridade Social e a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). (conforme anexo publicado na páxina web www.lalin.gal).
Ao tratarse dun gasto de tramitación anticipada, a execución do gasto queda condicionada á existencia de crédito no orzamento do ano 2020.

SEXTA. Os traballos premiados poderán ser citados, se se trata de libros, ou reproducidos total ou parcialmente no caso de artigos xornalísticos ou traballos audiovisuais, polo Concello de Lalín, facendo constar sempre o nome do seu autor. Ademais, os participantes no concurso renuncian a reclamar as copias ou os exemplares presentados.

SÉTIMA. O xurado reunirase para, unha vez revisados todos os traballos seleccionados, emita o fallo que se dará a coñecer publicamente nun acto programado ao efecto con anterioridade á celebración da LII Feira do Cocido.

OITAVA. A entidade organizadora poderá esixir a identificación da personalidade dos premiados, que, salvo causas de forza maior suficientemente acreditadas, deberán recoller os premios no acto que se organice ao efecto. A organización resérvase o dereito a convocar aos premiados en calquera das categorías para formar parte do xurado na seguinte edición.

NOVENA. O feito de participar no concurso significa a aceptación das presentes bases -cuxa interpretación última corresponde aos membros do xurado- tanto polos
autores como polos presentadores, e considérase que existe acordo mutuo entre ambos, cando non sexan a mesma persoa.

DÉCIMO. Os traballos académicos presentados polos estudantes de xornalismo, publicidade e comunicación deberán estar acreditados academicamente por un docente do centro de estudos. O Concello de Lalín reservarase os dereitos legais de utilización do traballo gañador na categoría de estudantes.