O equipo 'Login Gaming Bar' de Vigo gaña o primeiro torneo 'League of Legends' promovido por Xuventude

23 Dec 2019

O equipo Login Gaming Bar, clasificado previamente no Espazo Xove de Tui, resultou o gañador do primeiro torneo autonómico de League o Legends (LOL) organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación La Grotta, nos 12 Espazos Xoves pertencentes á Administración autonómica. Esta fin de semana celebrouse a fase final deste torneo no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda. No encontro definitivo impúxose ao equipo OTPS+ do Espazo Xove de Betanzos.

Os cinco integrantes do equipo gañador son: Martín García Pérez, Diego Ribas González, Diego López López, Javier Carrera Rodríguez e Tomás Campelos Fernández. Pola súa banda, os nomes dos subcampións son: Manuel Lechuga Meirás, Antón Rodríguez García, Óscar Lenin Veloso Varela, Sergio Andrade Portela e Jesús Molinero Vázquez.

En canto aos premios do torneo, cada membro do conxunto vencedor recibiu unha tarxeta de Riot Points valorada en 100 euros cada unha. Os compoñentes do equipo que quedaron en segunda posición recibiron material de promoción da Consellería de Política Social. Así mesmo, todos os gastos de manutención, transporte e aloxamento durante esta fase final correron a cargo da organización.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que asistiu á fase final da competición acompañada do director do recinto feiral, Ricardo Durán, destacou a boa acollida desta primeira edición. O evento desta fin de semana reuniu en Silleda a 80 mozas e mozos de diferentes municipios de toda Galicia. Cristina Pichel subliñou o feito de que as fases previas do torneo se desenvolveran nos 12 Espazos Xoves que conforman a rede pública autonómica, de modo que se conseguiu implicar na iniciativa á xente nova da zona na que se emprazan estes Espazos e da súa contorna. Tamén sinalou que este evento procura promover o coñecemento, a formación e o ocio arredor dos videoxogos, así como xerar comunidade e promover a súa visibilidade social.

Pola súa banda, o responsable do recinto feiral, Ricardo Durán, sinalou que a Dirección Xeral de Xuventude, R e a Feira Internacional de Galicia Abanca teñen unha especial relación co mundo dos videoxogos: pola XGN R Encounter e, desde agora, por este campionato autonómico de League of Legends. Ao respecto, apuntou que “a nosa intención é a de seguir organizando eventos en torno aos videoxogos, que son a parte social que lle faltaba a todo este movemento lúdico global, que chegou para quedarse, e do que queremos formar parte”.

Dezaseis equipos finalistas

Durante as xornadas do sábado e a do domingo, 16 equipos competiron nesta fase final. Estes procederon dos Espazos Xoves de Betanzos, Curtis, Noia, Pontedeume, Viveiro, Chantada e Tui, que contaron cada un deles cun equipo clasificado. Pola súa banda, das localidades de maior poboación que teñen Espazo Xove –Carballo, Lalín, Ourense e Vilagarcía- chegaron a esta fase final dous equipos por ámbito xeográfico.

Cada un dos 16 equipos clasificados estivo formado por cinco mozas e mozos, con idades comprendidas entre os 18 e os 30. Todos eles dispuxeron de transporte de ida e de regreso aos Espazos Xoves dos que saíron, aloxamento e manutención de balde a cargo da Administración autonómica. No que atinxe ao aloxamento, os equipos puideron facelo nun pavillón do recinto de Silleda, provistos da súa propia tenda de acampada, saco de durmir e útiles de aseo. Tamén tiveron acceso a duchas e lavabo. Por último, a manutención incluíu os servizos de xantar e cea do sábado, así como o almorzo e xantar de hoxe.

O público que asistiu a esta fase final do I Torneo Autonómico de League of Legends (LOL) tivo a ocasión de seguir a competición na pantalla do escenario principal. A conexión a internet e os equipos informáticos que empregaron durante esta fase final foron subministrados pola compañía R.

final3

final1final2final4final6final7