Cursos de creación e redacción de proxectos europeos

07 Nov 2019

A Fundación Galicia Europa convoca dous cursos de creación e redacción de proxectos europeos:

ERASMUS+ MOCIDADE EN ACCIÓN  (14-15 novembro 2019)
CORPO EUROPEO DE SOLIDARIEDADE  (16-17 de novembro de 2019)

Erasmus+ é un dos máis antigos e exitosos programas da Unión Europea. Nos seus máis de 30 anos de existencia, permitiu a millóns de mozos e mozas ter experiencias educativas no estranxeiro e que miles de comunidades locais se abriran a todo un novo  mundo europeo.

Abarcando agora máis áreas, o programa permite traballar nos ámbitos da mocidade e voluntariado, proporcionando apoio estrutural e financeiro ás  asociacións, ONG e outras entidades para crear riqueza social e programas de desenvolvemento persoal e profesional para mozos e mozas con menos oportunidades e impacto intercultural en comunidades illadas e menos desenvoltas. O programa céntrase na multiculturalidade, o respecto, a tolerancia, a inclusión, a igualdade de oportunidades, a participación das persoas mozas na sociedade e o  reforzo do sentido da cidadanía europea.

Na Eurocidade Chaves-Verín que vén sufrindo gravemente o despoboamento, o abandono, o illamento e a falta de recursos estruturais e humanos, o programa Erasmus permite achegar financiamento, experiencias, persoas e unha variedade de impactos sociais, que conforman o crecemento e a educación da comunidade, a súa alfabetización, o cambio de mentalidades, o estímulo dunha apertura ao mundo exterior e a creación dunha visión diferente nos mozos e mozas locais, facéndoos máis activos, emprendedores e comprometidos a quedar nesta zona e crear o cambio, brindándolles oportunidades para desenvolverse, participar, viaxar e crear o seu futuro sen ter que saír de aquí.

Os cursos son unha actividade do proxecto europeo Eurocidade_2020, que se enmarca no programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP). O proxecto ten como obxectivo consolidar a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración Europea e de desenvolvemento sustentable. O curso forma parte da actividade “Eurocidade Intelixente: innovación, emprendemento  e internacionalización como alicerces da xeración de emprego e riqueza”, finalizado a capacitar aos emprendedores, desempregados e empresarios da Eurocidade para a creación dos seus negocios, a cooperación entre empresas e empresarios e satisfacer a demanda de profesionais do mercado.

A Fundación Galicia Europa, nesta actividade, contará coa colaboración de todos os socios do proxecto Eurocidade_2020: AECT Eurocidade Chaves-Verin, a FNAJ – Federação Nacional de Associações Juvenis, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, o Concello de Verín e o Município de Chaves.


DATAS E LOCALIZACIÓN

Os cursos terán lugar en novembro de 2019 do 14 ao 15 e do 16 ao 17 no Gabinete da Eurocidade Chaves-Verín sito en Feces de Abaixo.

Terá unha duración de 25 horas (teórico-prácticas) e desenvolverase en horario de 10:00 a 20:00.

PARTICIPANTES

O curso está dirixido a toda a poboación, sen límite de idade e/ou perfil profesional. Tanto persoas mozas desempregadas, asociacións, entidades locais como empresarios ou emprendedores galegos e portugueses cun máximo de 15 participantes cada un dos cursos.

Os participantes obterán un diploma de asistencia e bo aproveitamento; así como certificación europea.

Esta formación é totalmente gratuíta. Para a adxudicación das prazas seguirase unha estrita orde de inscrición, dando preferencia a persoas  paradas e desempregadas e membros de asociacións ou grupos informais.

A persoas interesadas deberán enviar a folla de inscrición ao mail: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu e pilar.deloro.saez@xunta.es

Fundación Galicia Europa
R/ Hórreo nº 61, baixo
15701 Santiago de Compostela

Teléfonos: 981 957 088 e 981 957 854


Programa e inscrición: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/noticias_ver.asp?idSeccion=6&idTema=310&idNoticia=4681#.XcPgW2aWy9I