A nova edición do Xuventude Galicia Net centrarase nas oportunidades de traballo baseadas nas novas tecnoloxías

03 Mai 2012

Esta edición de 2012, a décimo terceira, contará con persoas con grande experiencia no mundo empresarial como o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor Leopoldo Abadía; ou o social media Rubén Bastón

Para os pais e nais tamén están previstas actividades co obxectivo de facer accesibles certos contidos e tecnoloxías que, a primeira vista, so parecen influír aos máis mozos

Os exteriores do Pazo de Congresos e Exposicións e o hall de entrada acollerán as actividades da extranet, abertas a todos os públicos

A edición deste ano do Xuventude Galicia Net, que terá lugar desde este venres, 4 de maio, e ata o domingo, fará énfase na formación, a creación de empresas, as oportunidades de traballo baseadas nas novas tecnoloxías e a procura activa de emprego para a xuventude que se dea cita no evento.

Trátase do maior ‘Lan-party’ da Comunidade e celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Esta edición de 2012, a décimo terceira, contará con persoas con grande experiencia no mundo empresarial: altos directivos e empresarios que poidan cubrir as necesidades que a xuventude galega demanda á hora de iniciar o emprendemento empresarial.

Para mellorar a formación e a preparación en materia de novas tecnoloxías, e totalmente de balde para quen se achegue, deseñouse unha grella de relatorios onde se contará con expertos reputados nas súas áreas como o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor Leopoldo Abadía; ou o social media Rubén Bastón.

Para os pais e nais tamén están previstas actividades co obxectivo de facer accesibles certos contidos e tecnoloxías que, a primeira vista, so parecen influír aos máis mozos. Para a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, os pais son un dos colectivos máis numerosos e comprometidos, xa que moitos dos seus fillos ou ben son participantes ou ben se acercan a participar das actividades gratuítas dun evento para todos os públicos.

logo_xgnA situación económica mundial faise presente nesta edición dun xeito innovador: prestando especial atención ao emprendedurismo como saída laboral. Para iso, contarase con especialistas na materia como Javier Megías e directivos de empresas, así como se celebrarán obradoiros sobre as últimas novidades do sector como a reciclaxe de aparatos eléctricos ou neuromarketing.

Nesta edición de XGN estará presente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica cun stand e unha conferencia na que varios relatores relacionados co software libre exporán as oportunidades laborais que hai detrás do mesmo, así como proxectos das súas empresas relacionados co software libre.

Para os máis habilidosos, tamén haberá actividades nesta XGN. Complementando a oferta formativa, a edición 2012 da XGN prevé multitude de actividades e obradoiros de carácter práctico.

Os exteriores do Pazo de Congresos e Exposicións e o hall de entrada acollerán as actividades da extranet, abertas a todos os públicos. No exterior do recinto todas aquelas persoas que se achegen á XGN poderán facer uso das instalacións de paintball, rocódromo, diversos xogos e o obradoiro de graffiti que se organizan como actividades nesta edición, e, no interior do Pazo, contarase con stands de consolas e videoxogos, ciclos temáticos de cine, maquilladores e mesmo un stand sobre ciencia divertida para despertar o interese científico nos máis cativos, diversos xogos, e todo de maneira totalmente gratuíta para aqueles que queiran achegarse.