Premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco a proxectos empresariais e culturais

25 Set 2019

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia convoca os premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco.

Obxecto do concurso:
a) Premiar e impulsar o desenvolvemento de proxectos empresariais viables que creen emprego.
b) Promover a cultura emprendedora na nosa comunidade.
c) Dinamizar e diversificar o tecido empresarial de Galicia.

As persoas solicitantes deberán presentar unha idea emprendedora relacionada coas industrias culturais. Estas ideas deberán estar relacionadas coas seguintes materias: deseño-ilustración, comunicación, produción, xestión cultural, programación de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet.

As categorías ás que se pode concursar son:
- Categoría A: idea emprendedora para a programación de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais na internet.
- Categoría B: idea emprendedora para o desenvolvemento de proxectos na área do deseño, a xestión cultural e da creación artística e plástica no ámbito cultural.

Entenderase por «idea emprendedora» aquel paradigma que xurda para aproveitar unha oportunidade real de negocio, así como aquelas solucións creadas para cubrir necesidades do mercado que non están satisfeitas ou que, estando satisfeitas, son máis eficaces que as existentes.

A idea considerarase innovadora cando cumpra, entre outras, algunha destas circunstancias:
– Aplicación industrial ou comercial de resultados de investigación científica.
– Desenvolvemento dun novo método de produción ou de organización dos recursos produtivos.
– Creación de invencións ou deseños industriais innovadores.
– Aplicación de innovacións en invencións ou deseños industriais, de embalaxe ou deseño gráfico de produtos tradicionais que melloren significativamente a súa competitividade no mercado.
– Adaptación ao mercado rexional dunha idea consolidada en mercados estranxeiros.
– Introdución no mercado dun novo ben ou servizo.
– Iniciativa de economía social, que contribúa ao desenvolvemento social e económico do territorio, que teña como obxectivo traballar e promover o cooperativismo, o respecto polo ambiente e o benestar social da comunidade.

Premios:
A) Dous premios en metálico dotados con 3.000 € cada un, un premio por categoría e proxecto seleccionado; o proxecto gañador en cada unha das categorías recibirá 3.000 € en metálico para o desenvolvemento da idea premiada e diploma acreditativo. Só haberá un premio por categoría, polo que no caso de empate entre varios candidatos na mesma modalidade, o premio en metálico repartirase entre estes gañadores/as.
B) Posibilidade de incorporación gratuíta durante doce meses ao espazo de cotraballo «Centro de Emprendemento Creativo de Galicia» da Cidade da Cultura de Galicia.

As solicitudes deben tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento CT899A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de novembro de 2019.
Máis información:

Bases:  DOG do 25 de setembro de 2019
Convocatoria:  DOG 4 de outubro de 2019
http://www.cidadedacultura.gal