Torneo Autonómico de LOL (League of Legends) nos Espazos Xoves

23 Set 2019

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social promove o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos a través da organización do primeiro torneo a nivel autonómico do coñecido xogo LOL (League of Legends).

Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación de mozos e mozas da zona e da contorna próxima.

Antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos. Posteriormente dará comezo o encontro, cuxo número de equipos (un total de 32) dependerá da poboación do concello onde se sitúa cada Espazo Xove. Deste xeito, nos concellos con máis habitantes poderán participar ata un máximo de catro equipos, mentres que nos de menos poboación a competición será entre dous equipos. Cada equipo estará conformado por cinco mozos/as, dos cales unha persoa actuará como capitán.

A distribución de equipos por Espazo Xove queda como segue:

  • Espazos Xoves de Betanzos, Curtis, Noia, Pontedeume, Vilalba, Viveiro, Chantada e Tui: dous equipos por cada espazo. Nestes 8 centros clasificarase para a final un equipo de cada zona.
  • Espazos Xoves de Carballo, Ourense, Lalín e Vilagarcía: catro equipos por cada espazo. Nestes 4 centros clasificaranse para a final dous equipos de cada zona.

No caso dos Espazos Xoves con varios equipos, os enfrontamentos serán determinados o propio día do evento de xeito aleatorio, polo que é necesario estar presentes durante o sorteo. De non haber equipos suficientes, aquel grupo que non teña rival clasificarase automaticamente para a seguinte fase (isto é, oitavos de final).

FASE FINAL

Tras esta fase inicial, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar concreto de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado segundo os requisitos técnicos necesarios. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Dirección Xeral. O primeiro día disputaranse os oitavos de final, mentres o segundo día será a quenda dos cuartos, semifinais e a gran final.

Todas as rondas eliminatorias serán a partido único agás a gran final, que será ao mellor de tres partidas.

Obxectivos do programa

  • Ofrecer espazos para que a xuventude poida participar en actividades de ocio e de tempo libre vinculadas co sector dos videoxogos
  • Ampliar o coñecemento, a formación e as oportunidades laborais que ofrece esta industria emerxente
  • Promover un uso educativo e responsable dos videoxogos

Destinatarios

Neste programa poderán participar mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambos inclusive, que se organizarán en equipos de 5 persoas, ata un máximo de 32 equipos.

Como inscribirse

As inscricións, que se poderán rexistrar ata tres días antes do inicio da competición en cada Espazo Xove, realizaranse a través do formulario  correspondente na web xuventude.net. A persoa que actúe como capitán do equipo deberá cubrir este formulario, achegando os DNI correspondentes dos demais membros do seu equipo.

A maiores dos cinco membros de cada equipo, poderanse rexistrar outros cinco suplentes.

A admisión dos equipos para poder participar nesta competición realizarase por estrita orde de inscrición a partir do día 21 de setembro ás 16.00 horas.

Se algún Espazo Xove non conta cos equipos suficientes poderáselle ofertar, a un equipo que quedase fóra, a posibilidade de ser seleccionado para outro espazo, de acordo coa orde de inscrición.

Calendario do torneo

ESPAZO XOVE DATA DA COMPETICIÓN
LALIN 4 de outubro. De 16 a 21 horas
NOIA  5 de outubro. De 10 a 15 horas.
VILALBA 18 de outubro. De 16 a 21 horas
VILAGARCÍA 19 de outubro. De 10 a 15 horas
PONTEDEUME 8 de novembro. De 16 a 21 horas
CHANTADA 9 de novembro. De 10 a 15 horas
VIVEIRO 15 de novembro. De 16 a 21 horas
BETANZOS 16 de novembro. De 10 a 15 horas
OURENSE 22 de novembro . De 16 a 21 horas
CARBALLO 23 de novembro. De 10 a 15 horas
TUI 29 de novembro. De 16 a 21 horas
CURTIS 30 de novembro. De 10 a 15 horas
Final 2 días en decembro pendentes de determinar

Normas de desenvolvemento do programa

  • É necesario asistir á dinámica formativa previa ao inicio de cada evento, na que tamén se informará das pautas e regras a seguir durante o torneo.
  • É recomendable que cada equipo se conecte ao xogo 15 minutos antes da hora de inicio oficial, co fin de resolver con tempo calquera cuestión previa.
  • Todos os xogadores/as teñen que cumprir as normas aplicables ao LOL (League of Legends). Neste sentido, e para velar polo correcto funcionamento de cada competición, así como polo cumprimento do regulamento, cada partida estará presidida por un xuíz especialista.
  • Todos os xogadores/as deberán cumprir as normas de decoro e bo comportamento. De non ser así, a organización resérvase o dereito á expulsión da competición.

Premios

Cada membro do equipo gañador será obsequiado/a cunha tarxeta de Riot Points (valorada en 100 euros) a través da que se poderán adquirir diversos elementos dentro do xogo, ou con outra tarxeta regalo a determinar pola organización.

Os membros do equipo que quede en segunda posición recibirán material de promoción da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Observacións

A organización da competición pon a disposición de todos os participantes o material básico necesario (PC, teclado e rato) para a competición. Outro tipo de accesorios, tales como os casos, correrán por conta do participante.

Na fase final, aboarase o desprazamento dos finalistas.

Así mesmo, todas as competicións serán abertas ao público, que poderá velas en directo, a través dun proxector, nunha sala contigua en cada Espazo Xove.

+ Formulario de inscrición