O cartel é da Asociación Amicos O cartel é da Asociación Amicos

Xuventude Crea 2019

31 Xul 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o Programa Xuventude Crea nas especialidades de teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda, cociña e danza moderna.

Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2019.
Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti, cociña e danza moderna, a participación será sempre a título individual.
Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de agosto de 2019.

Premios por cada unha das especialidades:
– Un primeiro premio de 3.000 €.
– Un segundo premio de 1.500 €.
– Un terceiro premio de 1.000 €.
Cada persoa participante non poderá recibir máis de un premio por especialidade.

Teatro:
Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2018. Admitirase que ata un 25% dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos.

Artes plásticas:
Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.
En CD, unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura). No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición.

Fotografía:
En CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

Música:
Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.
Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.

Relato breve:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será libre. As obras, que deberán presentarse en CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10 e as follas estarán numeradas.

Poesía:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán presentarse en CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100 e as follas estarán numeradas.

Videocreación:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.
O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.
A duración de cada obra será dun mínimo de 1 minuto e un máximo de 4 minutos.
A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2018.

Banda deseñada:
As obras serán orixinais e inéditas.
A temática será libre, con textos en galego.
A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.
O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.
Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

Graffiti:
As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.
O tema e a técnica serán libres.
Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

Deseño de xoias:
A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de accesorios comprados.
Os/as participantes presentarán unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

Moda:
As coleccións deben ser orixinais.
Os/as participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.
Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Cociña:
Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.
Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en grupo.
A receita presentada por cada participante –individual ou en grupo- pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.
As persoas participantes presentarán:
a) A receita, que se presentará en CD, deberá estar escrita en lingua galega e terá que incluír: o título do prato, a relación de ingredientes –avalados, prioritariamente, por algunha das denominacións de orixe de Galicia– e o proceso de elaboración.
b) No mesmo CD, unha ou varias fotografías en cor do prato presentado.
O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Danza moderna:
Disciplinas: contemporáneo, funky, lírico, jazz e fusión.
Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 5 integrantes.
Ningún/ha participante poderá formar parte de máis dun grupo.
A duración da actuación non pode superar os cinco (5) minutos.
A coreografía debe ser inédita.

Asolicitude está dispoñible en https://sede.xunta.es co procedemento BS310Q

Máis información no DOG do 22 de xullo de 2019