Programa Emega: fomento do emprendemento feminino en Galicia

05 Xul 2019

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Liñas e axudas complementarias:

a) Liña Emprende:  liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova:  liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.

c) Liña Activa:  liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico. As ditas medidas, en ningún caso, poderán supor destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF:  liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia:  axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.


Beneficiarias
Empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para presentar solicitudes estrá aberto ata o 5 de agosto de 2019
As solicitudes poden tramitarse en  https://sede.xunta.es co procedemento SI429A
Máis información no DOG do 5 de xullo de 2019 e en http://igualdade.xunta.gal/