Subvencións a proxectos de voluntariado de entidades de acción voluntaria e locais dirixidos á mocidade

04 Xul 2019

A Consellería de Política Social convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019.

Este programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado

Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero: accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero (campañas diversas), promoción de actividades de apoio ás vítimas, información, formación, entre outras medidas, do documento refundido de medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero:

Campañas.
- Medida 24: desenvolver campañas de prevención e sensibilización con mensaxes positivas, unitarias e adaptadas ás exixencias de cada momento, implicando á sociedade no seu conxunto e elixindo os momentos máis favorables para a súa difusión, como por exemplo, os veráns. Esas campañas deben focalizarse no rexeitamento ao maltratador, e presentar exemplos de mulleres fortes e valentes, sen recorrer ao cliché das vítimas.
- Medida 26: realizar campañas que teñan como público obxectivo á xuventude, utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e a comunicación.
- Medida 30: implicar as entidades locais na elaboración de materiais, campañas e protocolos de actuación, que incidan na necesidade de establecer puntos seguros e de información sobre violencia sexual, en espazos públicos. Así mesmo, fomentar o establecemento de vixilancia por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, nos chamados «puntos negros»: aparcadoiros, canellóns ou pasadizos.
- Medida 31: ter en conta na realización das campañas de sensibilización contra a violencia de xénero a maior incidencia desta nas mulleres que viven no ámbito rural e as súas circunstancias.
- Medida 33: promover campañas contra a cosificación do corpo das mulleres e a hipersexualización das nenas.
- Medida 34: dar formación á xuventude sobre o uso axeitado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming...).

Medios.
- Medida 56: atender as necesidades informativas da xuventude para frear condutas machistas que desembocan en malos tratos.

Sectores vulnerables.
- Medida 99: implicar colectivos como os de inmigrantes ou mulleres xitanas no deseño de políticas específicas.
- Medida 100: realizar estudos sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero e preparar recursos adaptados a elas.
- Medida 101: incrementar a colaboración entre as institucións públicas e as ONG e asociacións que traballan con mulleres migradas no deseño das políticas específicas contra a violencia de xénero.

Administración.
- Medida 166: realizar, xunto ás comunidades autónomas, un mapeo sobre os recursos e servizos de atención ás vítimas.

Rural.
- Medida 180: impulsar as asociacións de mulleres no ámbito rural para axudar as vítimas. Coordinación e campañas de sensibilización coas asociacións de mulleres rurais para sensibilización, prevención e acompañamento das vítimas.
- Medida 181: realizar un estudo da situación das mulleres vítimas de violencia de xénero no mundo rural, para analizar actuacións policiais, resposta penal, asistencia sanitaria, xurídica e asistencial. Coa participación de entidades públicas e privadas do medio rural e testemuños das propias vítimas, no marco do CIS.

Diversidade funcional/discapacidade.
- Medida 193: facilitar o acceso de mulleres e nenas con diversidade funcional/discapacidade a lecturas informativas adaptadas (Braille, comunicación aumentativa, etc) sobre prevención da violencia de xénero, acoso, agresións sexuais, etc.
- Medida 194: deseñar protocolos específicos ou incorporar medidas especializadas nos que xa existen, para a atención de mulleres de colectivos máis vulnerables, como as mulleres maiores, mulleres con diversidade funcional/discapacidade ou mulleres migrantes en situación irregular.
- Medida 197: garantir a plena accesibilidade en lingua de signos das persoas xordas usuarias desta lingua ao 112, o 062, o 091, e todos aqueles teléfonos públicos á disposición da cidadanía a través do servizo de vídeo interpretación á lingua de signos SVisual que xa se utiliza no 016.

Visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres.
- Medida 252: introducir módulos transversais sobre violencia sexual e as súas tipoloxías, nos contidos das accións formativas desenvolvidas por e para empresas privadas e as administracións públicas.
- Medida 254: deseñar programas de prevención, detección e protocolos especializados ou actualizar os existentes en atención e actuación, adaptándoos ás especificidades das diferentes violencias sexuais. Así mesmo, desenvolver protocolos de intervención e detección precoz en todos os ámbitos da educación infantil, primaria e secundaria, así como no ámbito universitario.
- Medida 255: promover o desenvolvemento de programas integrais de atención á violencia sexual en todo o territorio, en colaboración e con respecto ás competencias das comunidades autónomas.
- Medida 256: elaborar campañas e materiais informativos contra a violencia sexual, as violencias sexuais e as diferentes realidades das mulleres (idade, procedencia ou situación de diversidade funcional/discapacidade), co obxectivo de que exista unha maior conciencia social sobre estas formas de violencia de xénero.
- Medida 267: desincentivar a demanda de prostitución mediante campañas de concienciación e obradoiros de sensibilización dirixidos á xuventude.

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

Requisitos
- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios.
- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.

Os trámites presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 5 de agosto de 2019.
Máis información no DOG do 4 de xullo de 2019 e en www.voluntariadogalego.org