Axudas á mocidade para a adquisición de vivenda nos centros históricos

02 Xul 2019

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas á mocidade para a adquisición de vivenda nos centros históricos

Requisitos:

1. Persoas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM*.
Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou se dentro da súa composición existen persoas cunha discapacidade. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
  - Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
  - Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Ter subscrito un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:
– Que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico.
– Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto vivenda nova como usada.
– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico doutros concellos o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona 1 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.
e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, e no artigo 10 da Lei 9/2007
g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.

Contía das axudas:

A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas nos municipios da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e de 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas en calquera outro municipio. As axudas terán o límite do 20 % do prezo de venda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

As solicitudes tramitaranse preferiblemente en https://sede.xunta.gal/portada co procedemento VI400A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro de 2019

Máis información no DOG do 2 de xullo e en http://igvs.xunta.gal/

* IPREM no ano 2019: 537,84 €