Subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS)

21 Xun 2019

A Consellería de Sanidade convoca subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xuño de 2019 e o 30 de xuño de 2022.

Para desenvolver o proxecto, a entidade beneficiaria deberá dispor en Galicia como mínimo de:
a) Un local con capacidade para levar a cabo o proxecto.
b) Unha persoa contratada para desenvolver o proxecto.

O proxecto recollerá obrigatoriamente a promoción do uso de preservativos e a súa distribución.
Para o cumprimento dos obxectivos do proxecto, poderase empregar material divulgativo editado pola Consellería de Sanidade ou polo departamento ministerial do Estado con competencias en materia de sanidade.

Poderán subvencionarse os proxectos que, como mínimo, teñan por obxecto algunha das seguintes actividades:
1. Facilitar e fomentar o uso do preservativo nos colectivos máis vulnerables ás ITS.
2. Promover a realización da proba do VIH ás persoas con prácticas de risco.
3. Campañas efectivas de concienciación respectuosas e inclusivas de todas as ITS dirixidas á mocidade LGBTI.
4. Campañas de visibilización e información do tratamento de profilaxe postexposición ao VIH, como segunda e última oportunidade para evitar a aparición desta infección.
5. Programas específicos de prevención do VIH e outras ITS para persoas que exercen a prostitución e a súa clientela.
6. Programas de prevención para persoas que viven co VIH e/ou en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida.
7. Programas de rúa ou achegamento que faciliten o acceso á información sobre o VIH e as demais ITS e aos servizos sanitarios, en poboacións especialmente vulnerables á infección polo VIH.
8. Actividades preventivas da transmisión do VIH por vía sexual, coa participación de pares.
9. Educación para a saúde con perspectiva de xénero, sobre hábitos sexuais saudables, infección polo VIH e a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).
10. Programas de loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas polas ITS e de modo especial polo VIH e a sida.
11. Campañas divulgativas a través de redes sociais e/ou de aplicacións de móbil (app) de contactos.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario SA645A dispoñible en https://sede.xunta.gal/portada
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 22 de xullo de 2019

Máis información no DOG do 21 de xuño de 2019