Subvencións a actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero

29 Mai 2019

A Secretaría Xeral da Igualdade convoca axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia.

Accións subvencionables:
a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.
b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero da que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.
c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.
d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).
e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e cos comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.
f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

As solicitudes deben tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento SI449B
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 1 de xullo de 2019.
Máis información no DOG do 29 de maio de 2019 e en http://igualdade.xunta.gal