Aberto o prazo de inscrición para o encontro xuvenil “Crea interior” de Vila de Cruces, no que poderán participarán ata 250 persoas

05 Abr 2012

vila_de_crucesA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado en colaboración co Concello de Vila de Cruces organiza esta mostra o próximo 14 de abril, que se centra en promover a creatividade e o emprendemento entre a mocidade nos concellos do interior

Os participantes compartirán experiencias sobre como emprender, as vantaxes do cooperativismo, ou o turismo activo no interior

Entre os poñentes, destacan o escritor Xosé Neira Vilas ou o cociñeiro Marco Varela

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, vén de abrir o prazo de inscrición para o encontro xuvenil “Crea interior”, que leva como consigna “creatividade e emprendemento: o futuro dos concellos do interior nas mans da xuventude”. Esta mostra terá lugar o próximo 14 de abril, en Vila de Cruces e nela poderán participar ata 250 persoas.

Esta é a segunda das nove mostras sobre emprendemento xuvenil que conforman o programa “Conecta”, que está a levar a cabo a área autonómica de xuventude. Grazas a esta iniciativa, Vila de Cruces converterase na capital galega do emprendemento e a creatividade xuvenil durante esta xornada.

Esta iniciativa enmárcanse no proxecto transfronteirizo Emprende e conta coa colaboración de diferentes entidades tanto galegas como portuguesas.

A mostra, que xorde da colaboración entre a Dirección Xeral de Xuventude e o concello de Vila de Cruces, acollerá ponencias, debates, ou espazos para a creatividade, o emprego e o emprendemento. As actividades da mañá terán lugar no auditorio da parroquia de Merza, e as da tarde na área recreativa da Carixa.

Durante o encontro, os participantes e os poñentes compartirán experiencias e a súa visión da situación actual da mocidade en vilas e concellos pequenos. Así, abordaranse temas sobre como emprender nos concellos, as vantaxes do cooperativismo, ou o turismo activo e de interior como oportunidade de futuro. Ademais, falarán sobre como os mozos e mozas poden emprender en tempos de crise ou de que maneira a participación xuvenil pode converterse nunha ferramenta emprendedora.

As ponencias complementaranse con diversas actividades paralelas, como a mostra do traballo de entidades xuvenís; ou espazos de creatividade sobre artesanía, música, son ou defensa persoal; de emprendemento, centrados no deseño de currículos, no simulacro de entrevistas de traballo ou no asesoramento para emprendedores; ou espazos sobre actividades de aventura, geocathing, ou rocódromo.

 

Poñentes
Durante a mañá, participarán, entre outros, o alcalde de Vila de Cruces e Xosé Neira Vilas, o autor do libro “Memorias dun neno labrego”, que rexistrou na súa obra unha importante presenza da xuventude rural.

Haberá tamén unha mesa redonda sobre como emprender nos concellos de interior. Nela participarán Eva González –titular da súa propia explotación gandeira-; Elena Ferro –moza artesá e zoqueira, que integra unha variante moderna e innovadora; María Hermida –directora de Finca de Mouriscade, un centro innovador no eido agrario-; e José Ramón Moire –un mozo emprendedor no eido do sector téxtil-.

Máis tarde, o técnico cooperativo Daniel Vega exporá a fórmula do asociacionismo agrario como modo de emprendemento e, por outra banda, o profesor na facultade de empresariais e turismo de Ourense e na UNED, José Antonio Rodríguez, abordará o potencial turístico dos concellos do interior como elemento impulsor da súa economía.

Ademais, o cociñeiro e chef executivo do Hotel Palacio de Sober, Marco Varela, levará a cabo un taller de cociña creativa.

Xa pola tarde, Javier Blanco –xerente do Bantegal-; Ramón García Sueiro –deportista de alto nivel e emprendedor no sector do ocio-; e José Luis Lamas –emprendedor e enxeñeiro agrónomo- tratarán a participación xuvenil como ferramenta de futuro.

Todos aqueles interesados en participar atoparán toda a información sobre este evento na páxina web http://xuventude.xunta.es.