Encontro estatal de Correspondentes Xuvenís

08 Abr 2019

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou xunto con máis de 120 correspondentes xuvenís de distintas comunidades autónomas, nun encontro sobre alberguismo en Gandarío.

A esta primeira iniciativa asistiron mozas e mozos de Galicia, Canarias, Castela-León, Madrid, Murcia e Navarra

Trátase de mellorar a súa capacitación como transmisores de información a outros mozos e promover o alberguismo entre a xente nova

encuentrogandarioestatal2

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu ao primeiro encontro de correspondentes e alberguismo xuvenil das diferentes comunidades autónomas, que ata o domingo tivo lugar no albergue de Gandarío. Máis de 120 mozas e mozos procedentes de Galicia, Canarias, Castela-León, Madrid, Murcia e Navarra déronse cita nesta xuntanza organizada pola Rede Española de Encontros Xuvenís (REAJ), en colaboración coa dita Dirección Xeral, e na que se mesturaron aspectos educativos e lúdicos.

Cristina Pichel destacou a importancia destas xornadas para mellorar a capacitación dos participantes como transmisores de información a outras persoas mozas no que respecta aos albergues xuvenís e as súas posibilidades. Trátase, ademais, de promover o alberguismo entre a xuventude de distintas comunidades autónomas, a aprendizaxe mutua e o intercambio de experiencias.

Os participantes neste encontro son, na súa maioría, estudantes de 2º, 3º, 4º de ESO, e 1º de Bacharelato. Cada un deles expuxo como funcionan os correspondentes xuvenís nas súas comunidades de procedencia e como ven eles o alberguismo.

As persoas que asistiron a este encontro foron seleccionadas despois de presentar un vídeo, cunha duración mínima dun minuto e máxima de tres, no que amosaban os atractivos da súa comunidade autónoma e lugares ou puntos de interese, enfocando o proxecto cara a mobilidade xuvenil en Galicia a través dos albergues xuvenís da REAJ existentes como opción de aloxamento