Aventúrate con Galicia: campamentos de verán para a mocidade galega do exterior

04 Abr 2019

A Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Emigración convocan para o ano 2019 o programa de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
Aventúrate con Galicia ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

Requisitos:
a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou seren descendente de persoa emigrante galega.
c) As persoas participantes deberán ter, o 30 de xullo de 2019, unha idade comprendida entre os 15 e os 17 anos.

Lugar de realización:
1. Actividades no mar-Gandarío: convócanse 20 prazas, que se realizarán no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo).
2. Actividades de natureza, ambiente e mar: convócanse 20 prazas que se realizarán no Albergue Xuvenil de Area (Viveiro).
3. Actividades de aventura T: convócanse 10 prazas que se realizarán no Campamento Xuvenil de Chacotes (Palas de Rei).

Datas:
As datas de realización destas actividades serán as comprendidas entre os días 19 e 28 de xullo de 2019.

Estas actividades van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos que serán realizadas xunto con mozos e mozas residentes en Galicia participantes da campaña de verán que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do seguro de estadía en Galicia, así como do desprazamento das persoas beneficiarias das actividades desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres desde a instalación asignada ata os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade do campamento.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento PR930B
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 6 de maio de 2019

Máis información no DOG do 4 de abril de 2019 e en http://emigracion.xunta.gal/