Día das letra galegas: Antonio Fraguas

27 Mar 2019

Antonio Fraguas Fraguas naceu no lugar de Insuela, no concello de Cotobade, en Pontevedra, o 28 de decembro de 1905.
Os estudos primarios realizounos nas escolas do seu concello seguindo o bacharelato en Pontevedra e posteriormente os estudos de Filosofía e Letras na universidade de Santiago.
Durante a súa estancia en Pontevedra fundou a Sociedade da Lingua, dedicada á defensa do idioma galego e á confección dun dicionario.
En 1923 fundouse o Seminario de Estudos Galegos co obxectivo de defender a cultura galega e nel vaise integrar Antonio despois da súa chegada a Santiago, no ano 1928.
Foi profesor na universidade e catedrático de instituto na Estrada, Lugo e Santiago.antoniofraguasmarcapaxina

A súa vida estivo dedicada completamente ao estudo dos costumes, das festas, da xeografía, do folclore e de todas as manifestacións populares de Galicia escribindo unha chea de libros e artigos para revistas e xornais sobre estes temas.
Ingresou, en 1956, na Real Academia, ocupando a cadeira que deixara vacante Alfonso R. Castelao.
Cando se inaugurou o Museo do Pobo Galego, no ano 1977, foi nomeado director e durante o seu mandato restaurouse o Mosteiro de San Domingos de Bonaval.
O 5 de novembro de 1999 faleceu na cidade de Santiago aos de 93 anos, sendo soterrado no cemiterio compostelán de Boisaca.
Este ano, a Real Academia Galega dedícalle, polo seu labor en defensa da nosa cultura, o Día das Letras.

Obras:   
Geografía de Galicia (1953)
Galicia insólita (1973)
Lugo (1974)
Murguía, o patriarca (1979)
Literatura oral en Galicia (1980)
El traje gallego (1985)
Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985)
Aquilino Iglesia Alvariño: vida e obra (1986)
Romarías e santuarios (1988)
Celso Emilio Ferreiro (1989)
La Puerta Santa (1993)
Do Entroido (1994)
As cousas de Antonio de Insuela (1996)
A festa popular en Galicia (1996)

Ademais Fraguas escribiu numerosos artigos de divulgación en xornais e revistas especializados ou non especializados, así como colaboracións en publicacións conxuntas con outras personalidades da etnografía galega.