Lingua de namorar 2019: mensaxes gañadoras

18 Mar 2019

O xurado do concurso Lingua de namorar 2019 reuniuse o luns 18 de marzo para elixir, de entre as mensaxes votadas polos usuarios en cada unha das categorías, as mensaxes gañadoras desta edición, que son as seguintes:

Mensaxes gañadoras da categoría A

1º Premio: Máis que choiva, de Nee Barros Fernández
“Comezaches sendo froallo suave, babuña e patiñeira; pero pouco a pouco fuches pasando a chuvascada, arroiada e xistra, rematando nunha auténtica treboada, enxurrada e dioivo. Empapáchesme de pés a cabeza e eu, entre tanto sinónimo, só sei pedirche que non escampes nunca.”

2º premio: Conto contigo, de Irea Cendán Cadahía
“Se teño frío, conto co teu calor; se a tristeza me aborda, conto co teu sorriso; se non me atopo na escuridade, conto coa túa luz. Non teño medo porque sei que se me sinto soa, conto contigo.”

3º premio: Tan guapa, de Yago Rubio Álvarez
“Tan doce que os mosquitos van a ti,
Tan bonita que es fotografada por excursións de xaponeses,
E a túa lingua é o mellor motivo para aprender idiomas.”


Mensaxes gañadoras da categoría B

1º premio: Este, para min, de Navia Rivas de Castro
“Erguerei do chan o meu corpo atropelado pola vida,
aloumiñarei as súas costuras,
coidarei as súas raíces.
Tecerei a miña liberdade en cada novo paso.
e non me renderei,
Querereime. Sempre.”

2º premio: Amor diglósico, de Darío Rodríguez González
“Non se pode vivir así, non é lóxico
O amor bilingüe, o amor diglósico,
É un sinvivir, é un despropósito
E ás veces resulta mesmo un pouco tóxico,
Falar por boca de ganso, falar con lingua de trapo,
Case vai ser millor amar en castrapo.”

3º premio: A discusión: corazón vs. Cabeza, de Cándido Paniagua Pousa
“O corazón dixo: eu non atendo a razoamentos, tan só a impulsos.
A cabeza replicou: eu analizo a situación e busco a mellor opción.
O corazón retrucou: mentres ti perdes o tempo argüíndo, eu latexo desfrutando o momento.
E a cabeza calou, buscando unha boa resposta.
Nese intre, o corazón sorriu, sabedor de que gañara a discusión.”

O xurado do certame decidiu conceder unha mención de honra, pola reflexión sociolingüística de superar a posición como neofalante, de vencer os complexos e decidir empregar a lingua, á mensaxe Escoiteite, de María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo):

“Vinte,
escoiteite.
Olleite,
escoiteite.
Sentinte,
escoiteite.
Emocioneime,
escoiteite.
Abrín a boca para falar,
Silencio neofalante.
Atragoáronse as verbas na miña gorxa,
escoiteite.
Pronunciei “quérote” mentres os complexos se esvaecían entre
os meus beizos.
Escoiteite.”

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.