Tres grupos do IES Perdouro de Burela acadan as primeiras posicións da representación galega no concurso 'Euroscola'

29 Set 2009
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado entregou no albergue de Gandarío (Bergondo) os diplomas que acreditan aos equipos gañadores en Galicia do concurso Euroscola 2009, organizado polo Parlamento Europeo.

O xogo desenvolveuse a través da páxina web www.euro-scola.es . O seu obxectivo principal é informar á mocidade do proceso de integración europea, así como estimular a súa participación activa na construción da Unión. No plano didáctico o concurso tamén fomentou o uso de Internet como ferramenta educativa e a práctica do inglés. Nesta iniciativa participaron 35 institutos de secundaria de Galicia e 350 alumnos de entre 15 e 18 anos.

Nas tres etapas nas que estaba dividido o xogo, os participantes tiveron que superar probas individuais e colectivas para obter o maior número de puntos posibles que os permitisen acceder ás diferentes fases. As linguas do concurso foron o castelán -para as relacións con outros grupos das diferentes comunidades españolas- e o inglés, xa que os integrantes no xogo tiveron que integrarse en comisións parlamentarias simuladas nas que o idioma utilizado era o inglés ou o francés.

Os tres grupos de traballo galegos que acadaron unha maior puntuación final foron do mesmo centro de ensino, o IES Perdouro de Burela (Lugo). Como recompensa ao esforzo efectuado a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou entre o 27 e o 30 de setembro nas instalacións de Gandarío tres xornadas de intensas actividades lúdicas e deportivas para os integrantes dos tres equipos. Tamén participaron a totalidade dos alumnos da clase do primeiro clasificado.