Explícoche Matemáticas 2.0

11 Mar 2019

Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, procedentes de titulacións de grao, mestrado ou doutoramento e mais ao alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e ciclos de formación profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Está organizado pola Facultade de Matemáticas da USC en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.
O obxectivo do concurso é promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes breves nas que se explique en galego un concepto matemático.

Cada participante ou grupo participante preparará un vídeo sobre un tema relacionado coas Matemáticas. A temática e enfoque poderá ser máis formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación) ou poderá recoller manifestacións diversas da matemática na vida cotiá, de carácter cultural, artístico ou social.
A duración dos vídeos non será en ningún caso inferior a un minuto e medio e non superior a dous minutos e medio.

É condición indispensable que a lingua empregada sexa o galego.
Os participantes poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico para a realización da curtametraxe.
Os traballos presentados, realizados integramente polos/as participantes, deben ser inéditos e orixinais.

Os proxectos realizados e documentación asociada (ligazón a YouTube, datos de contacto, informe e autorizacións) poderán remitirse ata o 22 de marzo de 2019 inclusive ao enderezo electrónico zmatdeca@usc.es e ao enderezo físico:
  Decanato da Facultade de Matemáticas (Explícoche Matemáticas 2.0)
  R/Lope Gómez de Marzoa, s/n
  15782 Santiago de Compostela

Os premios consistirán en 200 euros por categoría.
Ademais dos anteriores, concederase outro premio ao vídeo mellor valorado polos/as internautas. O vídeo gañador neste caso será o que acade o maior número de “gústame” de entre a selección dos vídeos participantes da lista de reprodución “Explícoche Matemáticas 2019” na canle de YouTube “Matemáticas USC”. O premio neste caso será de 100 euros

http://www.usc.gal/gl/centros/matematicas//CNL/Explicoche_matematicas_2_0_2019/bases2019.html