Premios de excelencia académica ao alumnado universitario

01 Mar 2019

A Consellería de Educación convoca premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

Requisitos para obter os premios
- Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos de primeiro, segundo e terceiro curso nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos das ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para o grao de 6 anos
- Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o plan de estudos de cada titulación de grao, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o plan de estudos.
- Ter no curso académico 2017/18 a nota media igual ou superior a 8 puntos.

Os premios outorgaranse por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Secretaría Xeral de Universidades requirirá ao órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia, a remisión dos datos correspondentes á persoa coa nota media máis alta en cada un dos cursos da titulación de grao, así como dos programas de simultaneidade de grao, que cumpra os requisitos fixados nesta orde, debidamente certificados.

As universidades, unha vez determinadas as persoas que cumpren os requisitos establecidos, comunicaranlle a súa condición de premiadas.

Máis información no DOG do 1 de marzo de 2019