Bolsas de máster para a mocidade no exterior

25 Feb 2019

A Secretaría Xeral da Emigración convoca 150 bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2019/20 nunha universidade galega.

Requisitos
1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar na data da presentación de solicitudes:
a) Ser menor de 40 anos.
b) Estar en posesión da nacionalidade española.
c) Residir no estranxeiro.
d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.
e) Ser emigrante nacido/a en Galicia, ou ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha destas persoas e que nacese no estranxeiro.
f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa.

2. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar con carácter previo á concesión da bolsa:
a) Estar matriculado/a no curso 2019/20 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria, dun mínimo de 60 créditos ECTS na modalidade presencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos ECTS, a matrícula dos 30 créditos ECTS restantes, correspondentes ao curso 2020/21, realizarase e acreditarase no mes de setembro do ano 2020.

As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para a realización da totalidade dos créditos de que conste o máster:
– Os másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será o curso académico 2019/20.
– Os másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, o curso académico 2020/21.

As solicitudes deben tramitarse obrigatoriamente en https://sede.xunta.es co procedemento PR911A
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2019.
Máis información no DOG do 25 de febreiro de 2019 e en https://emigracion.xunta.gal/es