Axudas ao aluguer de vivenda

10 Xan 2019

A  Consellería de Infraestruturas e Vivenda convoca as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda para o ano 2019

Persoas destinatarias:
a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude estean residindo nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.
c) Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos seis meses anteriores.
e) Aquelas ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da entrada en vigor desta orde.
f) Aquelas ás cales, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.
g) Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono alugamento social.

Requisitos:
a) Que estean empadroadas en  Galicia durante, polo menos, os 12 meses anteriores.
b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello de Galicia.
c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 6.
e) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (IPREM).
f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora.  
g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de decembro de 2019.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento VI482A ou VI482B en caso de prórroga.
Máis información no DOG do 10 de xaneiro de 2019 e en http://igvs.xunta.gal