Tarxeta Benvida

02 Xan 2019

A Consellería de Política Social convoca unha axuda económica para as familias que no ano 2019 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda no ano 2018, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar.

Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1.200 euros a razón de 100 euros/mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla.

Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nadas/os entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.
b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es cos procedementos BS403B
Máis información no DOG do 31 de decembro de 2018 e en http://www.familiasgalegas.org
tarxetabenvida.familia@xunta.gal