EDUCACIÓN ARTÍSTICA. ARTE NA AULA 2019

18 Dec 2018

O Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, organiza un ciclo de cursos prácticos para docentes que presenta a arte contemporánea como ferramenta de aprendizaxe na aula.

O programa está estruturado ao redor de tres eixes de gran presenza na educación formal (as matemáticas, a narración e o coñecemento do contorno natural) e deseñado para explorar os límites entre áreas de coñecemento e convidar os educadores e educadoras a experimentar e aprender antes de levar as súas propostas á aula.

Cada bloque exponse de forma independente pero dentro dunha estrutura e obxectivos comúns. Os participantes poden cursar un ou todos os bloques en función de se o seu interese é puntual e temático ou pretenden unha experiencia máis significativa.

PROGRAMA

1 e 2 de febreiro. MATEMÁTICAS CON ARTE
Este curso analiza a arte como ferramenta para traballar as matemáticas de acordo cunha idea globalizada da educación onde os límites entre o museo e a aula, entre a plástica e as matemáticas se esvaecen.

5 e 6 de abril. IMAXES QUE CONTAN HISTORIAS
A lectura de imaxes —a través da análise dos escenarios, a expresión facial e corporal, o vestiario ou o recoñecemento de símbolos e atributos— permitiranos asomarnos ao fascinante mundo da palabra e a imaxe.

Abordarase a narración visual, oral e textual como un poderoso instrumento, tanto para a creación e gozo artístico, como para o proceso educativo.

15 e 16 de novembro. ARTE E ECOLOXÍA
A relación entre a arte e a natureza foi constante na historia da arte pero serán os artistas actuais os que se interesen polas relacións do ser humano e o territorio, os que conviden á reflexión sobre as agresións á nosa contorna e propoñan outros modelos de acción.
Neste curso exploraranse procesos e técnicas para aprender a observar, rexistrar, planificar, intervir, transformar, vivir, conservar e poñer en valor a nosa contorna a través da arte.

Horario: venres de 18:00 a 20:00 h e sábados de 10:00 a 14:00 h

PERSOAS DESTINATARIAS
Docentes de educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística ou persoas interesadas na didáctica da arte, estudantes de Belas Artes ou Ciencias da Educación.

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de xaneiro de 2019. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal no que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.

PRAZAS: 20
MATRÍCULA GRATUÍTA
CERTIFICACIÓN: o CGAC entregará un certificado por cada bloque temático a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións. Cada bloque consta de 6 horas lectivas e o total do curso de 18 horas lectivas.

Este curso non está homologado como formación permanente do profesorado.

http://cgac.xunta.gal/GL/actividad-detalle/199/artenaula2_gl