Asesoramento personalizado en liña – proxecto LIDERA

02 Nov 2018

Tes en mente unha idea emprendedora, creativa, innovadora…?

Proxecto emprendedor, atréveste?

Se a túa resposta é que si, temos para ti unha ferramenta de consulta en liña que pon a túa disposición a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cos obxectivos de mellorar as oportunidades de emprego e emprendemento da xuventude galega e portuguesa e apoiala para seguir avanzando no seu itinerario persoal e profesional.

A través deste servizo terás a túa disposición a profesionais de diversos sectores que che axudarán a impulsar e/ou avanzar na túa idea emprendedora, creativa, innovadora…, analizándoa dende diversos puntos de vista e asesorándote para que poidas acadar novas oportunidades.

Para acadar o obxectivo de desenvolver todo o potencial da túa idea, contarás con un acompañamento en liña orientado a responder a preguntas como:

  • Como podo facer para que me dean as contas?
  • Como podo facer para comunicar mellor o meu produto/servizo?
  • Como podo crear a miña marca persoal?
  • Que tipo de tecnoloxía necesito?
  • Canto me custa ter unha tenda en liña?
  • Como podo facer para ser máis rendible?

Se queres que traballemos todo isto e moito máis de forma personalizada so tes que pulsar aquí

FORMULARIO

Esta iniciativa de asesoramento personalizado enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), formando parte da  actividade “Cataliza” que ten como obxectivo mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xuventude mediante a realización de actividades de tutorización e asesoramento individualizado, formación especializada e coaching persoal.

Proxecto Lidera

O proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA) foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio.

Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de  Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega) o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.