Premio a proxecto de webserie en galego Carballo Interplay 2019

02 Nov 2018

O Festival Carballo Interplay, na súa VI edición, que terá lugar en Carballo do 4 ao 6 de abril de 2019, convoca o premio a proxectos de webserie en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet.

Os proxectos presentados a este premio deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais que han reunir as seguintes características básicas:
– Deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais.
– Poden ser de imaxe real, animación, stop motion, técnica combinada, etc.
– As creacións audiovisuais deben estar pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres).
– Non hai ningún tipo de restrición de temática, xénero, estilo, nin persoas destinatarias, sempre que non conteñan ningún tipo de contido ofensivo contra ninguén.
– Deben ser gravadas orixinalmente en galego e esta debe ser a lingua do seu título e créditos.
O premio ten unha dotación económica de 1.500 € e deberá destinarse exclusivamente á produción de, polo menos, tres vídeos da webserie do proxecto premiado.

O prazo para presentar as obras estará aberto ata o 17 de marzo de 2019
Máis información no BOP da Coruña do 2 de novembro e en www.carballointerplay.com