23 edición do Ourense Film Festival (OUFF)

25 Out 2018

Convócase a 23 edición do Ourense Film Festival (OUFF) coas seguintes seccións:

Sección En Curto
- As curtametraxes deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega; a data de estrea das pezas que se presenten a concurso non poderá ser anterior a 2017, en caso de teren sido xa estreadas.
- Non poderán exceder dos 20 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o videoclip e o spot publicitario.
- Así mesmo, os materiais presentados deben estar en lingua galega ou en castelán. En caso de seren nun idioma diferente a estes, deben estar subtitulados a unha desas dúas linguas.

Premios:
Establécense dous premios elixidos polo xurado profesional coa contía de 1.000€ en metálico para a obra que sume a maior puntuación e 500 € para a segunda que máis puntos acade.
- Establécese a maiores a categoría de “Premio do Público”, dotada con 500€, que poderá ser compatible cos dous premios anteriores se así resultara.
- Os gañadores ou gañadoras recibirán igualmente unha figura conmemorativa do certame.
Para participar será imprescindible cubrir o formulario da inscrición solicitándoo no ouff.curtas@deporense.es e achegar todos os datos e a documentación que nel se solicitan.
- O prazo de presentación estará aberto ata o día 9 de novembro de 2018, ás 14.00 h.


Sección Fas Muvis. Límite 48H
Concurso por equipos para a realización dunha peza audiovisual cunha duración determinada durante un tempo limitado. Cada equipo terá un presuposto pechado para a realización da obra.

Os equipos.
- A inscrición será por equipos.
- Haberá un máximo de 5 equipos competindo.
- Cada equipo estará formado por un máximo de 5 membros que non poderán ser maiores de 28 anos.
- Os equipos deberán achegar un documento co CV breve de cada integrante, unha proposta de idea e unha sinopse de non máis de 3 páxinas.
- A organización fará a selección dos equipos concursantes atendendo ao CV dos membros, á calidade do proxecto e a adaptación ás bases do relato proposto.
- Cada equipo seleccionado será o responsable de conseguir o material técnico que considere necesario para o desenvolvemento do seu proxecto.

Duración do concurso
- A data límite de entrega de propostas será o 19 de novembro
- O tempo de preprodución comezará dende o momento en que se nomean os equipos seleccionados.
- Haberá 48 horas para a gravación, dende o venres 30 de novembro ás 20h, ata o domingo 2 de decembro ás 20h.
- Do mesmo xeito, haberá outras 48 horas para a montaxe, que serán dende o domingo ata o martes 4 de decembro ás 20h.
- A obra definitiva terá que estar subida antes das 23.59h. do martes 4 de decembro á plataforma que a organización teña indicado.

O relato
- O proxecto proposto deberá estar relacionado coa cidade de Ourense.
- Deberá destacar os valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais da contorna. Así mesmo, valorarase
favorablemente a transmisión de valores sociais positivos tales como igualdade, non discriminación, etc.
- A peza desenvolvida deberá ter una duración mínima de 3 minutos e máxima de 10 minutos.
- A obra poderá ser ficción, documental, promocional ou reportaxe.
- Un 40% da peza deberá ser rodada nos exteriores da cidade de Ourense.
- A obra deberá ser en lingua galega (incluídos créditos e información textual). En caso de ser noutro idioma deberá ter subtítulos en galego.
- Deberá comezar e finalizar co logotipo do OUFF, que será facilitado pola organización.

O orzamento
- Cada equipo terá un orzamento máximo para a realización da peza de 600€.
- Entregaranse 300€ ao produtor de cada equipo no momento da inscrición e entrega de credenciais do concurso.
- Os outros 300€ serán ingresados por transferencia bancaria despois da entrega da peza audiovisual, sempre que esta cumpra as bases do concurso e o resultado final se adapte ao proxecto presentado.

Os premios
- Haberá un primeiro premio de 600€ e un segundo de 200€ para as obras audiovisuais.

Sección Oficial de Longametraxes
Requirimentos das películas
- Deberán estar producidas en 2017 ou 2018.
- Non poderán terse exhibido nin editado comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión e diferentes soportes dixitais antes do 6 de decembro de 2018.
- As obras deberán ter unha duración superior aos 60 minutos.

http://www.ouff.org/es/