XII Interactuando no Tempo Libre

02 Out 2018

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE 2018

XII xornadas galegas de actualización de coñecementos e intercambio de experiencias
19, 20 e 21 de outubro

Albergue Xuvenil de Gandarío, Bergondo, A Coruña

 

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social pon en marcha unha nova edición de Interactuando no tempo libre,co fin de consolidar este espazo de reflexión, participación e debate entre os profesionais do sector do tempo libre e aproveitar a riqueza e oportunidades que xera.


Interactuando é

• Un foro para o intercambio de experiencias e para a actualización de coñecementos.
• Un espazo de aprendizaxe, encontro e convivencia.
• Un tempo para reflexionar e vivir o tempo libre en clave educativa.
• Unha fin de semana para nos achegar a diferentes maneiras de traballar e para tecer redes

 

Os seus obxectivos son:

• Promover o diálogo entre todas as persoas que traballan neste ámbito.
• Dar a oportunidade de encontrarse e de establecer contactos.
• Reflexionar e analizar a acción educativa no tempo libre.
• Trazar liñas de acción e compromisos para poñer en práctica nas diferentes realidades de cadaquén.

 

Destinatarios:

• Monitores/as e directores/as de actividades de educación no tempo libre.
• Técnicos/as de xuventude e dinamizadores/as xuvenís.
• Profesionais do ámbito (animadores/as socioculturais, educadores/as sociais, pedagogos/as, dinamizadores/as de actividades de educación no tempo libre).
• Membros de asociacións xuvenís, grupos informais que realicen actividades de educación no tempo libre e voluntarios/as.


XII INTERACTUANDO. 2018, un punto de inflexión.

 

As xornadas artéllanse nunha sesión inaugural, presentación de experiencias, catro faladoiros e a convivencia.

 

Sesión Inaugural.

Dos debates para a anovación do decreto á re-organización da campaña de verán, o 2018 está sendo un ano de transición e anheladas mudanzas nas que cómpre seguir afondando.
Paga a pena poñer en común o que aconteceu na Campaña de verán 2018 para comprender onde estamos hoxe e por onde queremos tirar.  Recomporemos un relato dos feitos, dando voz aos distintos axentes presentes.

 

Presentación de experiencias.

Sábado á tarde búscase dar a coñecer experiencias xeitosas que poidan servir de inspiración e aproveitamento. Nesta edición proponse o formato feira de experiencias onde os/as asistentes poderán deambular entre os diferentes postos da feira de mostras para coñecer de forma directa e próxima as iniciativas que se expoñen.
Feira de experiencias: tanto pasadas (experiencias positivas xa realizadas que merecen non caer no esquecemento); presentes (iniciativas actuais que se queiran dar a coñecer) como futuras (persoas, propostas e ideas na procura de apoios).

O formato de cada posto será libre e convídase á orixinalidade e creatividade.Os postos poderán ser estáticos, onde estean simplemente expostos os traballos, ou ben ser presenciais e atendidos polas persoas que expoñen, de xeito que a experiencia pode ser máis interactiva e o fluxo de preguntas, comentarios ou suxestións sexa máis directo. Conversas, proxección de vídeos, realidade virtual, presentación de traballos, dinámicas grupais, xogos, obradoiros, exposicións fotográficas, representacións…

As persoas interesadas en dispor dun posto na feira de experiencias poden solicitar a  participación como expositoras a través do e-mail institutoxuventude.ctb@xunta.gal antes do 13 de Outubro de 2018, xuntando a seguinte información:
- Título e presentación da experiencia a expoñer.
- Nome dos/as autores/as e nome da entidade/grupo onde se desenvolve ou foi desenvolvida a iniciativa.
- Necesidades de espazo e/ou explicación de como sería o posto.
- Necesidades de material non funxible que poida haber na Instalación de Gandarío (mesas, cadeiras, pizarras…).

Lémbrese que todas as experiencias presentadas disporán ademais dun espazo no web https://interactuandonotempolibre.webnode.es/ para ficar para a posteridade.

 

Faladoiros

O cerne das xornadas son os faladoiros para a aprendizaxe, a reflexión e o debate. Cada persoa asiste a un único faladoiro e domingo ao final da mañá póñense en común.  
      
      1) É TRABALLO OU DÁ TRABALLO?
          A nova lei de contratacións, convenios, pregos, relacións laborais, trámites administrativos, seguros, dereitos e obrigas. En que estado estamos e en que estado queremos estar?
          Que cómpre saber? Que cómpre manter? Que cómpre mudar?
      
      2) PROGRAMACIÓNS DA CAMPAÑA DE VERÁN
          Aprender a programar e aprender a avaliar programacións.
          Valorar programacións da campaña de verán e achegar suxestións de mellora.
          Que ten sentido? Que non ten sentido? Que propor?
      
      3) TITULACIÓNS DE TEMPO LIBRE
          Escolas de Tempo Libre, certificados de profesionalidade, experiencia práctica... que titulacións necesitamos? Que titulacións queremos?
          Necesidades e oportunidades formativas. Bases para unha orde que regule a educación do Tempo Libre en Galicia.
      
      4) CALIDADE NAS INTERVENCIÓNS DE TEMPO LIBRE?
          Posta en valor da educación no tempo libre. Entretemos? Animamos? Transformamos?
          Que é calidade? Que non é calidade? Como se valora a calidade dunha intervención?
      
Cando se realice a inscrición cómpre indicar a preferencia do faladoiro no que se desexa participar. A organización adscribirá os/as participantes nos faladoiros atendendo ás súas preferencias e á orde de inscrición.

 

Inscrición: A inscrición está pechada.

 

Convivencia

Organizar estas xornadas supón un esforzo organizativo e orzamental grande. Agradecemos que se non vas asistir, ou non vas asistir á totalidade de sesións e comidas, nolo fagas saber coa antelación suficiente.
Tamén agradecemos e convidamos á participación na totalidade das sesións, dende a inauguración ata o peche, e á convivencia de día e de noite no albergue.
No caso de ser necesario, pode disporse dun servizo de ludoteca coidadora que axude á conciliación.

 


PROGRAMA

 

Venres, 19 de outubro


17.00 h Acollida e entrega de documentación
17.30 h Benvida
17.35 h Sesión inaugural “2018,  un punto de inflexión”
19.00 h Faladoiros
20.30 h Cea
22.00 h Actividade nocturna I

 

Sábado, 20 de outubro

 

9:30 h Faladoiros
11:30 h Descanso
12: 00 h Faladoiros
14.00 h Xantar
16.00 h Faladoiros
18.00 h Presentación de experiencias
20.30 h Cea
22.00 h Interacción nocturna II

 

Domingo, 21 de outubro

 

09.30 h Faladoiros
11.00 h Presentación de conclusións
13.30 h Clausura, avaliación e despedida.