Festiva Solidario Expocosplay en Poio

12 Set 2018

A Concellaría de Mocidade de Poio, a través da OMIX e a proposta e coa colaboración dun grupo de xoves do Concello está a traballar na organización dun festival dirixido á mocidade, que, baixo a denominación de EXPOCOSPLAY, pretende ofrecer un espazo de ocio e divertimento apostando polo fenómeno cosplay como eixo central. Desenvolverase no local cedido pola CCMM de San Xoán, o día 6 de outubro, ao longo de todo o día.

O cosplay é unha especie de moda representativa, onde as persoas que participan, tamén chamadas cosplayers, usan disfraces, accesorios e traxes que representan unha personaxe específica ou unha idea,  para crear unha subcultura centrada na interpretación de roles. As fontes favoritas para isto inclúen: cómics, cine, libros, anime, manga e videoxogos.
Como ocorreu con outras moitas correntes ou movementos culturais, o número de seguidores de cosplay vai en aumento e cada vez é máis común ver a cosplayers en calquera celebración ou concurso.

O festival ten un fin solidario polo que cada persoa que acceda a calquera das actividades organizadas ou a todas, en xeral, tan só terá que facer entrega  dun alimento/os non perecedeiro/s (estes serán destinados ao almacén de alimentos do Centro Social).
O programa que se vai desenvolver inclúe:
- Obradoiros que se irán alternando ao longo do día: maquillaxe,, pintado de figuras, banda deseñada,xogos de rol,iniciación á interpretación,costura básica, kumihimo, amigurimi…..(previa inscrición).
-Torneos: de Magic e Smash Bros (previa inscrición)
-Videoconsolas e xogos, a disposición do público en xeral
-Photocall, relacionado coa temática do festival, na entrada das instalacións, e no que as persoas interesadas poderán fotografarse  para ter un recordo.
-Pasarela Cosplay, que poñerá o broche final ao evento (previa inscrición como participante) e aberta a tódolos públicos para desfrutar dela. As persoas participantes na pasarela poderán optar a tres premios en metálico: un primeiro de 100€, un segundo de 75€ e un terceiro de 50€. Estes premios os outorgará o público asistente a través do seu voto, valorando o/os mellor/es disfraz/ces.

A inscrición ao evento para as persoas que desexen participar nalgun dos torneos, nos obradoiros ou na pasarela cosplay realizarase a través da paxina www.eventbrite.es 
Para máis información contactar con xuventude@concellopoio.org