Xuventude oferta preto de 900 prazas no programa ‘Aula Xuventur’ que inclúe actividades de educación ambiental e creatividade

19 Feb 2012

AULA_XUVENTUR2A Consellería de Traballo e Benestar ofertará este ano máis de 890 prazas para os mozos e mozas que queiran participar no programa ‘Aula Xuventur’ que inclúe actividades relacionadas coa educación ambiental e a creatividade, combinando a aprendizaxe e o tempo de lecer.

O prazo de inscrición para esta iniciativa abrirase o próximo xoves 23 de febreiro e rematará unha semana antes do inicio de cada quenda. As solicitudes poderán presentarse a través da páxina web www.xuventude.net.

É a segunda vez que se desenvolverá esta iniciativa en Galicia tras o éxito acadado na anterior convocatoria realizada en 2011. A finalidade é facilitar á mocidade galega unha experiencia educativa alternativa e complementaria ao seu aprendizaxe nas escolas.

Desta forma, ofrécense tres módulos de actividades diferenciados en función da temática e das idades dos participantes. ‘Vive o mar, ‘Multiaventura de cine’ e ‘Camiño a Durban’.

O primeiro de eles, ‘Vive o Mar’, está dirixido a mozos de entre 12 e 16 anos que estean cursando primeiro, segundo, terceiro e cuarto curso da ESO. Neste caso ofreceranse coñecementos e aprendizaxes sobre o medio mariño e o seu entorno no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, en sete quendas de dous días entre os meses de marzo e abril.

‘Multiaventura de cine’ terá lugar no albergue xuvenil LUG 2, en once quendas de tres días, entre os meses de marzo e xuño. Con esta iniciativa o que se pretende é achegar aos participantes o cine como ferramenta de desenvolvemento de habilidades sociais, creatividade e autocoñecemento, complementando todo isto con actividades de deporte activo. Esta actividade vai dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos que estean cursando terceiro e cuarto curso da ESO, primeiro de Bacharelato o primeiro ciclo de grao medio.

Por último, ‘Camiño a Durban’ consistirá na realización durante tres días dun xogo de rol sobre educación ambiental, tendo como fío condutor o cambio climático, co obxecto de favorecer un achegamento ao concepto de educación ambiental e desenvolvemento sostible, sensibilizar da problemática do cambio climático, as súas causas, efectos e medidas paliativas.

Nesta iniciativa poderán participar os mozos e mozas que teñan entre 14 e 17 anos que estean cursando terceiro e cuarto curso da ESO, primeiro de Bacharelato ou primeiro ciclo de grao medio. Terá lugar no albergue xuvenil de Gandarío, en seis quendas de tres días, entre os meses de marzo a maio.

En definitiva, ‘Aula Xuventur’ quere promover a participación da mocidade galega en actividades e programas poñendo a disposición da mocidade galega a rede de albergues xuvenís de Galicia, cumprindo, desta forma, co obxectivo marcado no Pan de Xuventude 2013.