O mural elaborado por nove alumnos do IES Pontepedriña que foi o gañador do concurso convocado o pasado ano pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) para conmemorar o Día Internacional do Solo xa loce no instituto
O certame, no que participaron un centenar de institutos españois, pero só un de Santiago, quería chamar a atención sobre a protección do solo, baixo o lema «O coidado do planeta comeza polo solo».
Nicolás Lucas, profesor de Bioloxía, apuntou que a decisión de participar tomouse en tempo récord e que, aínda que o certame consistía en facer un debuxo, o equipo participante pensou nunha idea orixinal. Detrás do mural houbo un arduo traballo de investigación e de observación. Os alumnos, coa colaboración de investigadores do CSIC e a USC como Rafael Zas, ademais de cinco docentes do centro, usaron como fondo do seu traballo as consecuencias para o chan dos incendios que arrasaron Galicia e Portugal o pasado ano. Concretamente, visitaron o sur de Galicia, que sufriu graves lumes no fin de semana do 13 ao 15 de outubro. O seu traballo foi máis aló e expuxeron as solucións para recuperar o solo tras a devastación.
Tras visitar a zona e analizar o terreo, os alumnos recolleron mostras de terra e cinzas, elementos que usaron despois como material para pintar o mural. Os premiados son: Silvia Fontes, Iria Febreiro, Irene García, Paula Alfonsín, Cristina Díaz, Laura Caeiro, Luís Morón, Daniel Méndez e Artur Vázquez.