Bolsas para a Aula de Verán "Ortega e Gasset" de 2018

11 Xun 2018

A Universidade Internacional Menéndez Pelayo convoca 100 axudas para participar en Santander na aula de Verán "Ortega e Gasset" no palacio da Magdalena de Santander do 18 ao 25 de agosto de 2018.

Beneficiarios.
Estudantes que finalizasen o último curso do bacharelato ou do ciclo formativo de grao superior de formación profesional no ano 2018; e acrediten unha nota media igual ou superior a 9,60 puntos sobre 10 nos dous cursos do bacharelato ou do correspondente ciclo formativo de grao superior de formación profesional.
Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas os estudantes nacionais ou estranxeiros que cursasen os seus estudos de bacharelato en calquera dos centros docentes de titularidade pública española no estranxeiro.

Características do programa.
A aula de verán "Ortega e Gasset" ofrece unha panorámica da situación dos ensinos universitarios en España en diferentes campos do coñecemento, mediante leccións e conferencias impartidas por académicos e profesionais destacados.

Contía da axuda.
Aos estudantes seleccionados a UIMP cubriralles os gastos correspondentes ao seu aloxamento e manutención, en réxime de pensión completa e habitación dobre durante as datas de celebración da aula, o desprazamento dos asistentes desde o seu punto de orixe ata Santander e regreso, cun máximo de 200 euros para os desprazamentos dentro da Península; de 300 euros para os alumnos procedentes das Comunidades Autónomas das Illes Balears e de Canarias e das Cidades de Ceuta e Melilla; e de 600 euros para os alumnos procedentes dos centros docentes de titularidade pública española no estranxeiro. Así mesmo cubriranse os gastos polos traslados, entradas a monumentos, museos, etcétera, derivados das actividades culturais previstas no programa.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 26 de xuño de 2018
Máis información no BOE do 11 de xuño de 2018 e en http://www.uimp.es