Subvencións a programas de emprego e formación para a mocidade

23 Mai 2018

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego), dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán ser persoas beneficiarias participantes deste programa aquelas persoas mozas inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Duración:
1. Os proxectos terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o proxecto considerarase finalizado.
3. A data límite para o inicio dos proxectos será o 30 de setembro de 2018.

Contidos formativos:
1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado traballador recibirá formación profesional para o emprego, alternándoa coa práctica profesional.
2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe.
3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan.
4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.
5. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os esteorotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha grande incidencia na empregabilidade das mulleres mozas.

Orientación, información profesional, formación empresarial e asesoramento:
1. As alumnas e alumnos, durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para efecto.
2. Ao remate da actividade do proxecto, as entidades promotoras prestaranlles asesoramento ao alumnado participante, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de xuño de 2018.
As solicitudes tramitaranse en https://sede.xunta.es co procedemento TR353B
Máis información no DOG do 23 de maio de 2018 e en http://garantiaxuvenil.xunta.es