Bolsas de capacitación en materia de internacionalización empresarial

25 Abr 2018

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) convoca 40 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Requisitos dos/as solicitantes:
- Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1983.
- Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia; ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e nacido en Galicia ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.
- Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:
a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Marketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.
b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.
c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en Comercio Internacional.
- Coñecementos de inglés (falado e escrito).
- Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia .

Duración e destino das bolsas:
A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de doce meses contados desde a data de comezo.
A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

Contía da bolsa:
Para a dotación terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas.
O importe máximo de subvención por bolseiro é de 42.000 € por un período de 12 meses

A formación que recibirán os bolseiros abrangue:
a) Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.
b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación á súa internacionalización.
c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.
d) Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

As solicitudes están dispoñibles en https://sede.xunta.es co procedemento IG414A.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 25 de maio de 2018.
Máis información no DOG do 25 de abril de 2018 e http://www.tramita.igape.es