Proxectos de acción humanitaria no exterior

16 Abr 2018


A Xunta de Galicia convoca subvencións ás organizacións non gobernamentais, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.
A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia, e executarse baixo o enfoque de vulnerabilidade.

Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Requisitos das entidades solicitantes:
Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento), con polo menos un ano de antelación ao de publicación da convocatoria.
Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.

Requisitos dos proxectos:
Ter unha duración máxima de 12 meses. A súa execución debe rematar antes do 31 de decembro de 2018 e pode estar iniciado desde o 1 de xaneiro de 2018.
Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo.
Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando a poboación con base na súa vulnerabilidade, sen que se discrimine por razón de raza, sexo, relixión, cultura ou orixe.
 
Prazo: 16 de maio de 2018
As solicitudes poden tramitarse de forma telemática en https://sede.xunta.es no procedemento PR811A
Máis información no DOG do 16 de abril de 2018 e en www.cooperaciongalega.org