A Xunta pon á disposición da mocidade de Lalín o Espazo Emprende para facilitar a posta en marcha dos seus negocios e ideas

04 Abr 2018

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou o novo Espazo Emprende –antes Espazo Xove- de Lalín onde os mozos e mozas poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, os usuarios disporán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.

Vázquez destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor da dinamización económica de Lalín e a súa contorna. “Existe un firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, que non son só o noso capital de futuro senón tamén de presente”, afirmou. “Por iso, esta iniciativa vai encamiñada a darlles un espazo onde desenvolver os seus proxectos pero tamén onde atopar unha serie de apoios que van desde o asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e asesoramento individualizado e formación e coaching persoal”, engadiu a directora xeral.

Os mozos e mozas que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán lles permitirán continuar cunha dinámica de crecemento e mellora. O prazo para que se inscriban nesta iniciativa ábrese este mes.

Ademais, ao longo do ano organizaranse encontros sectoriais para crear unha dinámica de diálogo e coñecemento entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade do seus tecidos empresariais e que poidan valorizar os seus recursos e potencialidades.

Xunto co centro de Lalín, Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores, emprazados en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa, aínda que esta rede alcanzará tamén o norte de Portugal a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia – Norte de Portugal sita en Verín e os centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho- Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.

Os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto LIDERA, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo LIDERA), que forma parte da actividade Crece para impulsar o traballo xuvenil en rede. Este proxecto foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.